Rectificar, pero sen pasarse

A VERBA ‘chaquetero’ tivo o seu momento de actualidade. Foi despois do franquismo, cando os máis avispados buscaron acomodo nas beiras que ofrecían mellor acubillo. Así que, algúns coroneis e xerifaltes do réxime anterior acabaron en acérrimos demócratas e mesmo fixeron o papel de punta de lanza do constitucionalismo; pola contra, militantes da extrema esquerda foron virando ata converterse en importantes figuras e emblemas do xornalismo ou da historiografía da dereita máis extrema. Pero eses notables xiros ideolóxicos xa non adoitan ser descualificados con termos pexorativos; hoxe considérase un caso lexítimo de evolución de ideas. O feito é que, nalgún caso, é un fenómeno ben positivo, que permite a convivencia de inimigos declarados, como os do Sinn Fein e os unionistas irlandeses, que chegaron a colaborar nun mesmo goberno, cando non hai tanto estaban nunha loita sen cuartel; o que viría a ser como unha futura colaboración entre o PP vasco e os abertzales.

Lonxe do fragor político tamén hai exemplos de asombrosas mudanzas de ideas. Roger Garaudi, bendicido cunha longa vida (morreu hai días, a punto de cumprir cen anos) non se destacou pola constancia ideolóxica. Foi criado como protestante, converténdose logo ao catolicismo, relixión na que chegou a ser unha referencia para moitos aperturistas nos anos sesenta. Tamén foi un fervoroso comunista, nun tempo no que os réximes desta natureza cometían os maiores crimes contra a humanidade e artellaban a máis grande mentira sobre os dereitos de obreiros e cidadáns. Sorte que, cando os soviéticos sacaron os tanques a pasear polas rúas da Europa do Este, esmagando vidas e conciencias dos que pedían liberdade,Garaudi deixou a militancia no partido, abandonando aos camaradas franceses que aínda foron stalinistas ata que os propios stalinistas recoñeceron os crimes. Ata aquí, os xiros do pensador e filósofo Garaudi mesmo o converten nunha figura íntegra e, ata un punto, coherente.

Pero na última etapa da súa vida fixo tránsitos sorprendentes. Deixou a militancia católica polo islamismo, e deixouse querer por sátrapas árabes de toda condición, que o cubriron en incenso e o adornaron con medallas; co ardor dun vello decrépito que se volve namorar, Garaudi perdeu a cabeza e a credibilidade que lle quedaba como intelectual. Acabou por abrazar a causa do negacionismo, esa idea repulsiva de que o xenocidio xudeu foi mentira, e que os fornos crematorios que aínda están en pé foron construídos polos sionistas para facer escarnio dos nazis. Aquel home respectable uniuse a unha ringleira de estrafalarios, na que están tamén o bispo católico Richard Williamson, o presidente iraniano Ahmadinejad, Nikolaos Michaloliakos, líder do emerxente fascismo grego ou, caso asombroso, o xadrecista Bobby Fischer, fillo de xudeus, que se atreven a profanar a memoria de millóns de seres humanos que foron asoballados, gaseados e queimados para que agora catro iluminados veñan rirse deles. Garaudi foi sabio, pero a súa xeira ideolóxica antóllase excesiva. Deus, que lle concedeu unha longa e axitada vida, quixo darlle un acougo que agora será eterno.

Comentarios