Recollen uns 1.348 quilos de patacas en Viveiro e máis de 2.000 no Vicedo

A Xunta continuará ese xoves e o venres a retirada do tubérculo nos dous municipios por mor da praga de couza
Recollida de patacas en Viveiro
photo_camera Recollida de patacas en Viveiro

A recollida de toda a pataca nos concellos da Mariña por orde de Medio Rural para evitar a propagación da praga da couza guatemalteca abranguiu este martes os concellos do Vicedo e Viveiro, onde os técnicos recolleron 2.008,6 e 1.348,8 quilos, respectivamente.

Na cidade do Landro o camión da firma Gesuga estivo situado na explanada da variante, onde recollía os sacos de patacas que traía en furgonetas o persoal de Seaga procedentes das distintas parroquias. Celeiro ou Area foron algunhas nas que estiveron este martes e nas que recolleron principalmente pataca prantada este ano e levantada da terra por mor da orde. Segundo indicaron, os veciños colaboraron moi ben e xa tiñan preparados os sacos.

No Vicedo, o camión situouse no campo da festa de Mosteiro, en San Miguel de Negradas, e levou patacas desta mesma parroquia e das de Riobarba e Cabanas.

A recollida seguirá nestes dous concellos pero non o fará ata este xoves, ao ser este mércoles festivo polas Letras Galegas, e está previsto que remate o venres. En Viveiro o punto de recollida será o mesmo, mentres que no concello vicedense mañá o camión estará en Suegos, Mosende e San Román, e o venres no núcleo do Vicedo. Os técnicos pasan este xoves polas casas en horario de oito e media da mañá a seis da tarde, e o venres ata as dúas e media.

Os veciños deben entregar por separado a pataca de semente, a colleita do ano pasado e a prantada este ano, en sacos abertos que lles facilitan na oficina agraria.

Comentarios