Rebota

Bota vexetal en Paradavella (A Fonsagrada)O ACTOR Edward G. Robinson era repoludo e baixiño. A súa boca facíase ancha e indisimulable, coma os buratos dos buzóns. Ninguén comprendía que tivese logrado ser protagonista no Hollywood clásico. El daba unha explicación contundente: «Uns actores teñen beleza. Outros, mocidade. Eu represento a ameaza. Os espectadores queren verme no cine porque me poden odiar». Robinson acariñaba coa súa fealdade avellentada aos asistentes ás salas. Aliviáballes as exhibicións de beleza e mocidade de Montgomery Clift ou Gene Kelly, magnificadas polo tamaño da pantalla. Moitos deles nunca tiveran fermosura e todos acabarían na vía morta da madureza. Paul Newman explícallo no papel de gigoló recatado a unha diva trasnoitada en ‘Doce paxaro de xuventude’: «A miña mercaduría é a mocidade». O paso do tempo preocupou ao filósofo Heidegger. Analiza un cadro no que Van Gogh pintou dúas botas vellas de labrego e cheira nese calzado «o tremer diante da inminencia da morte». Non considerou que, da decadencia, xorde unha nova vida. Faise evidente na bota vexetal que Ponte fotografou en Paradavella (A Fonsagrada). Pero Heidegger deixábase esmagar polo desánimo. Disque o combatía cos agasallos que lle facía o seu discípulo Domingo Carballo: os xamóns que lle enviaban a Friburgo dende o seu Lugo natal.

Comentarios