Reality show electoral

Despois de ver os filmes Dogville e Manderlay, moitos críticos cinematográficos estadounidenses botáronlle en cara ao director Lars von Trier que el non era ninguén para opinar sobre a historia e a realidade do seu país, sobre todo tendo en conta que nin sequera o visitara. Para eles, as opinións deste cineasta non merecían credibilidade ningunha. Mais Von Trier soubo defenderse. Primeiro lembrou que Hollywood nunca pediu permiso para reconstruir nos seus estudos paisaxes e xeografías alleas, dando unha visión doutros países bastante máis ignorante que a que el ofrecía deles. E logo ademais comentou que el mesmo xa estaba tan enchoupado da cultura e da política estadounidense que cando menos lle deberían deixar votar aló.

Nisto último, Von Trier non é o único colonizado. Nos últimos dous meses hai lugares onde se fala máis do duelo Obama-Clinton que do de Zapatero-Rajoy ou o de Veltroni-Berlusconi. Dende Europa atendemos ás eleccións estadounidenses cunha expectación comparábel á que temos durante unha competición deportiva ou ante un filme de acción. O esquema vén sendo semellante: cada un segue ao seu personaxe favorito, divide aos demais entre bos e malos, emociónase cos enfrontamentos entre eles, fica pampo ante os xiros de guión, e ao remate asiste a un duelo final do que só poderá saír un gañador. Ao seguir esta mesma lóxica, as primarias estadounidenses cumpren cos patróns do show-business.

Todo este interese desmedido non só é cousa de que o vindeiro ocupante da Casa Branca vaia tomar unha chea de decisións que nos van afectar nun futuro achegado. Nese sentido, tamén teríamos que estar preocupados pola elección do secretario xeral do Partido Comunista Chinés, e ninguén presta atención a iso. É máis, ninguén sabe quen son os aspirantes a ese posto. Tampouco ninguén sabía nada cando Hu Jintao substituiu en 2002 a Jian Zeming. Fixeron falla semanas ou mesmo meses para que a opinión pública occidental se dera por enterada dese cambio. Quizais porque Hu manda menos que Bush? Difícil de cuantificar. En todo caso, os dous mandan dabondo.

O segredo dos estadounidenses agáchase na súa habilidade para hipnotizarnos cos seus temas. Eles decídenos, e logo nós pasamos tempo e tempo falando e opinando sobre eles. Ese é o poder blando do que fala Joseph S. Nye, unha forma de control que se está manifestando con claridade no tratamento que lle dan os medios de comuniación a estas eleccións primarias: a súa cobertura está máis orientada a crear unha curva dramática que a fornecernos da información necesaria para comprender os seus xogos de poder. É o novo estilo da política-espectáculo: a mecánica dos grandes relatos hollywoodienses aplicada á feira electoral.

Tempo de prediccións: McCain Vs Clinton ou McCain Vs Obama?
Segundo se van decantando as vontades comezan os verdadeiros cálculos. En xaneiro todo era futuroloxía. Falábase moito de Rommey, de Edwards, de Giuliani... Mais unha semana despois do supermartes xa están claras as grandes tendencias.

Pola banda dos republicanos estase impoñendo John McCain, representante dun sector do partido oposto aos falcóns neoliberais da Casa Branca. O seu enfrontamento coa Administración Bush fíxolle gañar o alcume de maverick, que na xerga política ianque serve para nomear aos políticos que se afastan da liña do seu partido. É por iso polo que ten na súa contra ao sector ultraconservador, máis inclinado cara o baptista Huckabee.

A división interna pódelle restar algúns votos nas eleccións de novembro, mais de seguro que estes apoios non irán parar ao candidato demócrata. A súa maior eiva vén sendo a idade. McCain chegará ás presidenciais con 72 anos, unha cifra bastante avanzada para a que aínda así xa existen precedentes: Ronald Reagan gañou as eleccións de 1980 con 69 anos, e logo conservou a presidencia ate case cumprir os 78. Se el puido, quizais McCain tamén.


Máis novos son os seus adversarios demócratas: Hillary Clinton terá 61 anos o día da votación, e Barack Obama 47. No seu pulso persoal, a balanza inclinouse nestes días polo segundo, adiantando á súa rival en todos os estados nos que se elixiron delegados dende o supermartes. Obama for President? El di “Yes, We Can”, e Clinton vai despedindo un a un aos seus responsabeis de campaña.

A distancia que os separa calcúlase sobre todo polo valor simbólico dos seus electores: Clinton triunfou por agora nos estados clave para afianzar o voto demócrata, é dicir, nos máis poboados e nos máis fieis, arrastrando para o seu bando ao voto feminino e ao voto hispano. Pola contra, Obama convence aos votantes mozos e aos afroamericanos, dous colectivos que até agora estaban á marxe da política e que lle deron a victoria en estados onde adoitan vencer os republicanos.

Por iso hai quen di que Obama tería máis opcións que Clinton á hora de enfrontarse a McCain: quizais el fose capaz de quitarlle votos ao senador por Arizona ao tempo que gañaba novas vontades para a súa causa. Hai enquisas que lle dan un 48% de votos no seu favor fronte ao 41% do republicano. Pola contra, no caso de presentarse Clinton, estas porcentaxes se equilibrarían nun resultado incerto.

O poder do gran relato americano
Tempo agora para botar a quiniela. Que vale máis, un quilo de ferro ou un quilo de palla? Miles de textos coma este argumentan por todo o planeta as posibilidades dun candidato fronte a outro. É difícil resistirse á tentación de opinar: “E ti de quen es? De Xi Jinping ou de Li Keqiang?” / “O que, oh?! E eses quen son?”. Pois quizais dúas das persoas que poderían mandar máis na vindeira década, tanto como McCain, Obama ou Clinton de saír elixidos, aínda que por agora eses nomes orientais non lle importen a ninguén. Non teñen unha trama política tan atractiva detrás. É o estilo chinés: non dar que falar, nada de publicidade, non vaia ser que alguén cuestione as súas decisións.

Fixo falla a intervención nestes mesmos días dun dos grandes narradores de Hollywood para que reparásemos nun pequeno detalle da política internacional chinesa: o seu apoio ao goberno sudanés no conflito de Darfur. E é que cando nos din as cousas contándonolas cunha boa historia faise difícil ignoralas: “Steven Spielberg abandona o proxecto dos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 como un xesto de protesta ante a complicidade chinesa en Darfur”. Así engancha máis, non? Velaí o poder da narración americana: o poder blando exercido a través dos seus grandes relatos.

Comentarios