domingo. 05.12.2021 |
El tiempo
domingo. 05.12.2021
El tiempo

Realidade virtual

"Remato 'Os lobos da aguia', o cuarto libro do ciclo novelesco 'Aguia', de Simon Scarrow, que narra a conquista romana de Britania. A metade da novela é unha soberbia e detallada descrición dunha acción bélica, nesa liña tan ben dominada polos ingleses. Scarrow botou quince volumes para contar esta historia. Reparei en que en Galicia carecemos de dilatados ciclos novelescos coma este de Scarrow..."

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

REALIDADE virtual está, agora si, en pleno despegue: cada vez máis dispositivos e máis facilidades na súa conexión. As historias poderán dar unha volta, contemplar o imprevisible, o usuario díscolo e rebuldeiro que non admite a lectura proposta. Algúns horrorízanse. Eu só penso en como sumarme a esta nova forma de narrar.


TACTO
Que o cinema italiano está a vivir unha nova idade de ouro, non teño dúbida ningunha, e fóra comparacións cos anos 50. Hai público, calidade e pequenas xoias, como La pazza gioia (A tola ledicia, 2016), unha sorte de "road movie" de dúas doentes mentais dirixida por Paolo Virzi. Aquí están temas clásicos italianos, que se recoñecen coma adornos barrocos: a discoteca noturna e, por suposto, o sanatorio, ese espazo que xa aparece en Otto e mezzo (Oito e medio) de Fellini, pasando por Youth (Mocidade) de Sorrentino. É unha serie de delicado tacto, levando a doenza mental ao campo da dignidade e da traxicomedia, o máis digno e difícil dos xéneros.


GUSTO
Remato Os lobos da aguia, o cuarto libro do ciclo novelesco Aguia, de Simon Scarrow, que narra a conquista romana de Britania. A metade da novela é unha soberbia e detallada descrición dunha acción bélica, nesa liña tan ben dominada polos ingleses. Scarrow botou quince volumes para contar esta historia. Reparei en que en Galicia carecemos de dilatados ciclos novelescos coma este de Scarrow, os de Cornwell ou de O’Brian. Por que? Porque non hai público que o demande e xustifique, nin autor que se propoña convivir toda a súa vida co seu personaxe. Tamén pensei en por que non hai novelas bélicas en galego. Pero, amigas lectoras, ese é outro conto.


VISTA
Exploro nestes días a realidade virtual a través de dous sistemas de gafas: as Samsung Gear e a HTC Vive. As Gear funcionan unicamente co móbil mentres que as Vive requiren unha aparatosa instalación e un ordenador cunha potencia gráfica descomunal, aínda que xeneran unha experiencia moito máis veraz. A conclusión é que o mundo dos relatos pode cambiar, agora si, de maneira radical, pero dependerá do seu éxito comercial, que é toda unha incógnita. Eu comporteime coma un viaxeiro nun mundo novo. Sincronicei a cámara do drone coas miñas gafas e pilotei co meu corpo, coma un paxaro, sobre os enigmáticos castros xemelgos do Coto Redondo, entre Rodeiro e Antas de Ulla. Pero a miña experiencia máis poderosa foi sobre todo a máis sinxela. No xogo Batman: Arkham VR revivín a escena na que o neno Bruce Wayne presencia o asasinato dos seus pais nun escuro rueiro. Cando aparece o asasino, a túa nai ponse detrás dela e di: "Non te movas". E, obviamente, e aquí está o triunfo da realidade virtual, ti non podes evitar decidir moverte, ás agachadas, para espiar o que vai acontecer. É a relación entre a curiosidade humana e a posibilidade de satisfacela o que pode definir un exitoso futuro para a realidade virtual.


OÍDO
Levo varias semanas colleitando palabras, sustantivos, adxectivos e preposicións en galego que non escoitara na miña vida. Lembrei que sempre foron mulleres as que me agasallaron con palabras novas. Acudín ao imprescindible Diccionario de Diccionarios (DdD), que recolle vocabularios desde 1745, con resultados do máis diverso. A estas alturas de 2017, o noso vello idioma aínda se comporta como un tesouro con cofres sen abrir.


OLFATO
A visión dos territorios vinícolas que temos é unha invención inconsciente dos adegueiros e do mercado. Os Rías Baixas son brancos, os Ribeira Sacra son mencías e así seguimos. En realidade, o asunto é máis complexo. Os potenciais das zonas teñen que ver, coma sempre, sobre todo con terras e territorios e, con frecuencia, é precisamente no que o mercado oculta onde hai auténticas alfaias. Coma os godellos, por exemplo, da Ribeira Sacra: viños de forte perfil aromático, moi sedutores e sedosos, que os abades do Sil e do Miño deberon gustar moito antes de que o mundo enteiro se mergullara no esquecemento.

Realidade virtual
Comentarios