Lunes. 25.03.2019 |
El tiempo
Lunes. 25.03.2019
El tiempo

"A realidade lingüística na que nacen os alcumes e os nomes das casas mingua en contornas urbanas, que son ámbitos castelanizantes"

Xulia Marqués, no salón de actos da Deputación de Lugo
Xulia Marqués, no salón de actos da Deputación de Lugo
A Xornada de Literatura de Tradición Oral celebrada este sábado na Deputación de Lugo incluíu un relatorio sobre o sistema antroponímico galego –é dicir, os nomes, alcumes e apelidos das persoas— a cargo da licenciada en Filoloxía Románica e licenciada e doutora en Filoloxía Galega, amais de profesora de Secundaria, Xulia Marqués, quen se aproximou a como se coñecen, nomean e din a si propios e aos seus conveciños os homes e mulleres de Galicia

De quen vén sendo Xulia Marqués?

Xulia vén sendo da casa do Roxo de Pacios, lugar da Ría de Abres no concello de Trabada. Tocante á miña identificación, direi que me bautizaron co nome de Julia, por empeño de miña nai e co visto e prace da súa madriña, que logo se converteu tamén en miña. Julia era asturiana de nacemento e residente na outra beira do Eo. Eu, de nena, fun Julita na casa e na escola. Julita do Roxo, na miña aldea e nas parroquias próximas e así aínda sigo sendo coñecida. No instituto chamáronme sempre Juli, que tamén foi o nome empregado por algúns dos meus parentes máis novos. En Xulia convertinme de adulta, ao rematar os estudos universitarios, plenamente consciente e militante en favor da causa. Agora xa, finados meus pais, que seguían fieis a aquel primeiro nome, son para todos Xulia e para os me queren, Xuliña.

Na literatura oral hai máis Carmes, Marías, Xosés, Manueis, Xesús ou Muchas, Carmelas, Maricas, Maruxas, Manolos, Pepes, Farrucos, Susos...?

Nese mundo tan rico da tradición oral, os seus protagonistas son xeralmente anónimos, todo o máis foron bautizados con nomes xenéricos como Xan, Pedro, Marica ou Sabela. Pero o que si é verdade é que aparecen comunmente hipocorísticos, Xanciño, Xanocas e Xanoquiño; Peruxo e Periquiño, nos dous primeiros casos; Farruco, Mingos, Marica e Mariquiña son, así mesmo, formas propias deste ámbito. Xa dicía Gondar Portosany que toda a literatura oral, en xeral, ademais dos ditos, as adiviñas, etcétera, non eran máis có espello no que os humanos nos pensabamos a nós mesmos e as formas familiares (hipocorísticos) así o acreditan na evolución, sobre todo, da súa formación.

Os alcumes e os nomes das casas adoitan ser máis definitorios e identificativos cós nomes e apelidos, sobre todo, nas sociedades tradicionais e campesiñas e no ámbito rural. Que sucede cando a poboación comeza a asentarse nas contornas urbanas e periurbanas? Que mudanzas se producen?

Adoitan ser máis identificativos nese ámbito certamente, porque na Galicia rural a xente noméase e é nomeada case exclusivamente polo nome da súa casa, incluso pode acontecer que os veciños non coñezan os apelidos nin o nome dun que vive no lugar, a aldea ou a parroquia do lado. A identificación que se facía antano coa casa, co nome da casa, funcionaba a xeito de carta de identidade para os que vivían nela. Tanto é así que as persoas de idade acababan por asumir o seu nome e pasaban a ser coñecidos polo nome da casa, sen engadir o propio. Esta realidade lingüística, que gozaba de plenitude no vivir diario da comunidade rural, vai minguando pola propia evolución na dinámica das relacións sociais e porque as novas xeracións ou non coñecen ou non usan estes nomes tradicionais. No caso das zonas periurbanas e urbanas este tipo de denominación non estaba asentada, e ademais ao seren ámbitos castelanizantes, non se dan os outros elementos que determinaban a existencia do oicónimo, como eran o ámbito rural, a condición de galegofalante ou o uso oral. Tradicionalmente a adxudicación do nome da casa determinaba a pertenza da vivenda á comunidade e fixaba, á par, a identidade da casa e dos seus moradores. Neste segundo caso, a ligazón ou ben se relaxa ou non existe. No caso dos alcumes, que a miúdo tamén substitúen o nome verdadeiro, hai que dicir que son propios da lingua oral e poden ou non consolidarse socialmente, pero o que non se pode negar é que reflicten inventiva das comunidades tradicionais. Tanto os nomes das casas coma os alcumes son exemplos de resistencia á castelanización da onomástica persoal, aínda que arestora tenden a ser menos empregados, van á baixa, en particular nos ámbitos que vostede sinala.

Comentaba que as guías de teléfono cos nomes das casas que editan moitos concellos e as esquelas adoitan ser unha boa fonte documental para pescudar nos alcumes e nomes das casas. De que outras me podería falar?

Esas dúas son boas fontes, o mundo arredor dos enterramentos, esquelas, propiedade dos nichos, adoitan dar bastante información, pero tamén os nomes dos comercios, bares, barcos, camións, o que Ferro Ruibal denomina onomástica perecedeira.

Falaba tamén de que os apelidos de orixe patronímica [segundo o nome do pai] son os máis comúns en Galicia. Existen datos de cal resulta máis abundante dos non patronímicos (tanto derivados de alcumes como os que teñen que ver coa procedencia xeográfica ou a residencia, os toponímicos). Existe, asemade, rexistro de cal é o apelido galego patrimonial máis infrecuente?

Os patronímicos son o grupo máis numeroso dende o punto de vista cuantitativo entre os apelidos, e os máis frecuentes son por esta orde: Rodríguez, Fernández, González, López e García. Para os derivados de alcumes, os procedentes de adxectivos que daban conta de características físicas como Branco, Calvo, Calviño, Cao, Crespo, Mouro, Mouriño. E tamén os relativos a sobrenomes profesionais como Barreiro ou Ferreiro. E entre os toponímicos destacan Castro e Piñeiro, Outeiro e Pereira. Non falaría de "infrecuencia", falaría de máis ou menos ocorrencias. Se consultamos a Cartografía dos apelidos de Galicia, podemos comprobar cales son os que teñen menos ocorrencias, isto é, por debaixo de 50. Pode ser o caso de Coruña, que queda un só na Pastoriza ou Estevo, do que restan 35 na provincia de Lugo. Pero entre un e outro, e con poucas ocorrencias temos Alfaiate, do que só quedan catro, Barqueiro, tres, e outros aparecen xa moi minorados: Ames, Cans, Compostela, Grove ou Láncara.

Mentres que durante séculos os rexistros oficiais dos nomes eran en castelán, a vida familiar e íntima era en galego e os alcumes, nomes e hicoporísticos familiares eran galegos. Hoxendía, unha sociedade que perde falantes de galego elixe, porén, as formas galegas dos nomes para os seus fillos e fillas. Cre que pode influír que nas series de televisión, nos Bolechas, nos libros de texto e de lectura, aparezan personaxes e persoas con nomes galegos?

Si, a influencia dos mass media na escolla dos nomes sempre foi importante. Ten vantaxes, como sinala vostede se as series son populares e se introducen nomes nosos nelas porque os poñen de moda, o que vai incidir favorablemente. Tamén ocorreu e ocorre que se produza unha uniformización con respecto a outros ámbitos lingüísticos. Estou a pensar, por exemplo, nos nomes ingleses desa cultura norteamericana que nos envolve a diario. E, como non, na conseguinte influencia negativa que se traduce na perda dos nosos sinais de identidade (véxase o caso dos hipocorísticos).

Que din de nós, como individuos e como pobo, os nomes que eliximos e cos que nos sentimos identificadas?

Retrátanos a escolla do nome, por suposto. Os nomes reflicten os cambios culturais en cada época. Pero tamén nos retratan as mudanzas cando procedemos a restituír o nome en galego ou unha forma correcta para un apelido deturpado. Cada persoa debe cobrar conciencia da súa identidade e asumila sen prexuízos porque cada acción individual vaise medir en termos de eficacia simbólica e función rexeneradora. O patrimonio onomástico desempeña un papel esencial na conformación, pero tamén na afirmación da identidade dun pobo.

"A realidade lingüística na que nacen os alcumes e os nomes das...
Comentarios