Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Río reivindica a identidade galega ao recibir a Navalla de Manuel María

Raúl Río (centro), trala ofrenda floral a Manuel María, no cemiterio de Outeiro de Rei
Raúl Río (centro), trala ofrenda floral a Manuel María, no cemiterio de Outeiro de Rei
Durante o cabodano do poeta tamén foi homenaxeado a título póstumo Francisco Carballo

O activista Raúl Río recibiu este xoves, en Outeiro de Rei, a Navalla de Manuel María, dentro dos actos que conmemoran o cabodano do poeta chairego. O obreiro guitiricense, que vive no País Vasco dende 1969, reivindicou a identidade galega, como vén sendo habitual nel. "Sempre exercín de galego en Euskal Herría. Aprendín moito dos vascos; teño envexa sana deles, porque se senten orgullosos dos valores propios, da súa terra. Porén, en Galicia moitas veces os nativos desprecian a súa lingua; isto é unha mágoa", explicou. Tamén mereceu o mesmo premio, a título póstumo, o ourensán Francisco Carballo. O perfil do escritor e teólogo caracterízase, coma o de Río, pola defensa e difusión da cultura galega. 

Raúl Río confesou sentirse "abraiado" co recoñecemento outorgado pola Asociación Xermolos e a Irmandade Manuel María, "pois non fixen tanto para merecer un galardón que leva xente, entre eles escritores, que loitou moitísimo pola cultura galega". Así mesmo, o premiado recordou emocionado a Manuel María, recoñecendo que para el foi "unha sorte" recibir a súa amizade. Explicou que, cando o autor de ‘Terra Cha’ ía a Euskadi, paraba na súa casa. "Polas noites falabamos moito de poesía, e mesmo me chegou a ler acolá o libro de seu, aínda inédito, ‘Oráculos para cabaliños do demo’. Era moi xeneroso; sempre estaba disposto a ir a Euskal Herría cando o chamabamos para participar en actividades culturais", explicou. 

O coordinador da Asociación Xermolos, Alfonso Blanco, definiu a Río como "un obreiro que endexamais esqueceu as súas raíces". Fixo fincapé en que, ademais dos seus traballos manuais –exerceu de peón de albanel, de caldeireiro, de soldador ou de siderúrxico–, o galardoado "sempre cultivou a literatura e a escultura". 

"Necesitamos da exemplaridade e da nobreza de Manuel María", dixo Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos

Obras de Río son o busto do poeta guitiricense Xosé María Díaz Castro, tallado en granito, que se atopa na freguesía natal do homenaxeado, Os Vilares; ou a placa en baixo relevo colocada na casa de Barakaldo onde viviu o vate cambadés Ramón Cabanillas. 

Blanco tamén lembrou con xenerosidade ao homenaxeado a título póstumo, Francisco Carballo –fundador do semanario A Nosa Terra–, de quen dixo que "serviunos de axuda para reforzar a nosa vontade de loitar polo país". Engadiu que "xuntar agora a Paco Carballo, a Manuel María e a Raúl Río é unha fortuna". 

Ademais da entrega dos galardóns, a xornada contou con outros actos, como a ofrenda floral no cemiterio do concello, seguida dunha lectura poética. Así mesmo, Mini e Mero e Antón Valcarce, entre outros, cantaron ao poeta. 

Blanco indicou que a xornada de onte serviu "para demostrar, dende o afecto, que Manuel María segue con nós. Atopámolo coma un facho aceso; axúdanos a facer camiño". 

HUMANIDADE. O dinamizador cultural, teólogo, mestre e escritor puxo de relevo que os actos de este xoves –coma os de cada ano por esta data– non poñen en valor soamente ao "grande escritor" que foi Manuel María, senón tamén "a un home comprometido co país, e nese senso tamén nos axuda a orientarnos. Necesitamos da súa exemplaridade e da súa nobreza".

Río reivindica a identidade galega ao recibir a Navalla de Manuel...
Comentarios