Ratos, vodas, avoas e autobuses enchen o mercado de Lugo

O grupo de teatro lucense Palimoco ofreceu este mércores o seu espectáculo infantil 'Queres que cho conte?', que recompila pequenas historias sacadas da tradicion oral que produciu a provincia
Actores de Palimoco, entre o público no mercado de Quiroga Ballesteros
photo_camera Actores de Palimoco, entre o público no mercado de Quiroga Ballesteros

Nun principio os Palimoco ían actuar en dous pases: na Praza Maior, pola mañá, e na Praza da Milagrosa pola tarde. Pero tocou un día con unhas chuvias persistentes que redirixiron o espectáculo cara ao lugués mercado de Quiroga Ballesteros. Alí, nunhas cadeiras en semicírculo, pais, nais, algún irmán maior e, sobre todo, nenos rodeaban tres atrís que sosterían o fío narrativo do espectáculo Queres que cho conte? dos cinco actores, tres mulleres e dous homes.

Se ben é certo que o tempo máis que estival, outonego, moveu os máis pequenos ao interior, o certo é que para este elenco non puido ir mellor. Vestidos de abrigo, con gorros de lá, boinas e luvas, levaron os presentes á estación de autobuses en inverno. Mentres un deles finxía a voz do anunciador de que un bus chegaba ás dársenas dende A Fonsagrada, dous finxían ser os avós dunha neta que acababa de pisar a cidade. Foi entón cando arrancaron unha serie de contos que os maiores contaban á recén chegada, nos cales o público formaba parte do espectáculo.

Cantaban, modulaban as voces, tiñan música de fondo para recrear a historia do rato que estaba gordo e que convidou un máis fracucho a súa casa, onde vivía un gato que estaba vello e, en teoría, non sería perigo. Finalmente, o rato máis gordo, que camiñaba entre os nenos sentados no chan, termina devorado polo felino.

Tamén un gato foi protagonista da desgraza na dramatización dunha voda que ía reunindo varios animais como sapos, rás e ratos como convidados, testemuños e padriños na cerimonia. Nun momento no que os actores tiraban arroz e fixeran ruído celebrando a unión, un gato aparece tras do hórreo e come o rato que, neste conto de Palimoco, era o padriño.

ÁGORA CULTURAL. O programa Ágora Cultural entra na súa recta final coa actuación de Clave de Fado, este venres as 21.30 no Campo Castelo, e na Praza do Campo, a Gran Foliada, este sábado as 21.00.

Comentarios