A rapa das bestas, a lombos da tradición

Chegou o verán e comezaron os curros as rapas en Galicia. A festa e a espectacularidade da loita entre o home e o cabalo converten esta celebración en moi atractiva para turistas e cazadores de instantáneas. Pero á marxe da troula, para os veciños e os aloitadores o que prima é a tradición e a historia: manter o que consideran o seu patrimonio herdado durante xeracións. Na Rapa das Bestas subxace tamén a idea tradicional de querer coidar e atender os cabalos: levar conta da evolución das greas, que viven salvaxes nos montes; e cortarlles as crins para que non pasen calor durante o verán nin se enguedellen nos toxos.

San Lourenzo de Sabucedo: a lenda
A rapa máis tradicional e convocadora de turistas de Galicia é a de Sabucedo, que presume dunha historia que se remonta ata o século XVI. Contan que aquel ano unha peste acabou con case todas as bestas de Sabucedo. Na busca dunha intercesión divina contra o que non había menciña humana, dúas veciñas da aldea ofrecéronlle as súas bestas ao patrón da parroquia, San Lourenzo.

Aquelas bestas non morreron, e ademais a súa manada foi medrando cada vez: a grea de San Lourenzo vivía salvaxe no monte e non era de ninguén. Só unha vez ó ano, pasada a primavera e a época de partos das eguas, os veciños recollían os cabalos para cortarlle as crins, coa idea de que non se enguedellasen na bouza, collesen menos parásitos e non pasasen calor. Unha vez rematado o proceso, e botada a conta de como ía medrando a grea do Santo, os cabalos volvían ao monte ata o ano seguinte.

Dende daquela, cada ano os veciños de Sabucedo seguen coa tradición de rapar os cabalos de San Lourenzo, e as súas propias greas que viven salvaxes nos montes entre os concellos de Cerdedo, Forcarei e A Estrada.

O sacro e o profano
No pasado, unha conxunción entre pobo e Igrexa foi quen levaba adiante a festa. Cada ano, un veciño era elixido como 'mordomo', e xunto co párroco era o encargado de levar a conta das bestas e ocuparse do seu coidado. O cargo era designado polo Arcebispo de Santiago, ata que no 1865 pasa a ser voluntario.

Co tempo a organización da festa foise democratizando e na actualidade unha Asociación constituída polos veciños é quen se ocupa da organización da celebración e do coidado dos cabalos, pese a que aínda hoxe o propietario da grea de San Lourenzo é o Arcebispado compostelán. Con todo, a misa matinal que marca o inicio da Rapa é o pouco de relixioso que queda nunha festa na que a compoñente de troula e turismo é cada vez maior, e na que só os veciños se ocupan en mater case intacto o modo de facer tradicional.

A muller
Durante décadas, a rapa foi unha festa tipicamente masculina: ser aloitador e entrar no curro era patrimonio de homes. Foi en 1936, por mor da Guerra Civil, cando as mulleres colleron as rendas da rapa, ante a falla de homes na aldea por atoparse loitando no fronte. As avoas de Sabucedo aínda lembran como foron as mulleres, coa axuda dos rapaces e dos máis vellos, quen baixaron os cabalos do monte para rapalos. Hoxe, moitas mulleres teñen un papel activo na rapa, e cada vez son máis as aloitadoras.

(Vídeo: Nacho Sánchez, AGN)

Comentarios