A Rapa das Bestas de Candaoso estreará un curro metálico

A comunidade de montes intenta conseguir unhas gradas para que o público vexa mellor o espectáculo
O novo curro, nos montes de Boimente
photo_camera O novo curro, nos montes de Boimente

Falta apenas un mes para a Rapa das Bestas de Candaoso, que será o 4 e 5 de xullo, e nesta edición número 47 traerá una novidade inédita. Por primeira vez o curro non será de madeira, senón metálico, co propósito de que sexa máis duradeiro, e a organización, a cargo da comunidade de montes de Boimente, está intentando conseguir unhas gradas para que a xente poida gozar do espectáculo mellor ca nunca.

"O curro é de ferro galvanizado, pero é exactamente igual ao que había, o modelo é o mesmo, só que substituímos a madeira polo ferro porque non había ninguén que nos garantizara que a madeira duraría máis de cinco anos", conta o secretario da comunidade de montes, Carlos Martínez. A isto engaden o prezo, xa que o custo é similar nos dous casos, entre 18.000 e 19.000 euros, pero "non podemos xogarnos a que aos cinco anos haxa que volver a gastar outro tanto, cando o de ferro nos dá unha duración mínima de 30 anos", explicou.

O curro xa está montado e agora os comuneiros están intentando facerse cunhas gradas "para que o público puidera subir e ver moito mellor o que se fai alí, o marcado, a rapa... todo. Estamos a ve ser somos capaces de poñelas, pero teñen que ser algo grandes e custan moito", di Martínez, quen cifra o presuposto de toda a festa nuns 30.000 euros que paga integramente a comunidade de montes, formada por 42 propietarios.

Pili Pampín. En canto ao programa aínda faltan flecos por pechar como a designación do monteiro maior, que está pendente de confirmar. Si adiantan que o sábado 4 de xullo actuará Pili Pampín e que nos dous días a verbena será a cargo da orquestra Fénix.

Polo demais, a cita seguirá o seu programa tradicional, coa xunta dos cabalos que están soltos nos montes de Buio e Lerín a primeira hora do domingo por parte de dez persoas, que os dirixirán cara ao curro no que despois lles farán a rapa e marcado, e onde será a espectacular pelexa de garañóns. Non faltarán as sopas de allo, a misa en galego ou as carreiras de cabalos pola tarde, entre outras actividades.

Por outra banda, os comuneiros seguen a traballar para que a festa acade o título de interese turístico nacional -por unha falta de tramitación do Concello en 1986 é só de interese turístico, segundo se deu a coñecer hai dous anos-, pero lamentan que require moito traballo. "Piden moita documentación e non damos xuntado todo dun ano para outro, pero imos pouco a pouco", apuntou Carlos Martínez.

Comentarios