Ramiro Martínez: ''Es básico que la gente recupere la autoestima y el protagonismo''

Ramiro Martínez Carballosa é o crego de Cervantes dende hai 24 anos. Coñece a tódolos veciños e está convencido de que só eles poden solucionar os seus problemas. «Teñen que recuperar o protagonismo, nós non facemos nada se non parte deles. O remedio non pode vir de fóra», afirma.

A valía dos cervantinos está fóra de toda dúbida. É xente creativa, forte, dura, afeita ós reveses e a loitar, pero Martínez aprecia «unha gran falta de autoestima e moito desánimo na poboación». Nesta situación é difícil sacar adiante novos proxectos empresariais. «O primeiro é que a xente crea en si mesma e para iso estamos traballando nós, para facerlles ver todo o que valen, para que comprendan que o seu é tan bo coma o de calquera», afirma.

O coordinador do Centro de Desenvolvemento Rural Ancares considera que o futuro de Cervantes pasa por diversificar os ingresos da poboación e dotala de servizos que lle permitan ter unha calidade de vida digna.

«Hai que entender o concepto de exclusión social dende o punto de vista xeográfico. A poboación de Cervantes non ten máis condicionante que a dispersión e a distancia á que está dos servizos. A súa exclusión non é por ningún factor negativo, senón por motivos puramente xeográficos», explica Ramiro Martínez.

Esta situación agrávase pola pirámide de poboación invertida que caracteriza o padrón cervantino. Cada vez hai menos nenos e máis maiores que viven sos, despois de que os seus fillos marchasen para traballar fóra.

Para dar servizo a esta poboación e para que os maiores que o desexen non teñan que marchar das súas casas, o CDR Ancares apoia o programa de asistencia de Cáritas. «Entrevistamos a 178 persoas e non houbo unha que dixese que se quería ir da súa casa. Por outra banda, a xente nova tampouco marcha por gusto a traballar limpando ou en calquera bar dunha cidade. Se xuntamos as dúas partes, xa temos unha solución. Os novos poden coidar dos maiores e ter a cambio uns ingresos que lles permitan complementar a economía familiar». Ramiro Martínez comenta con orgullo que «polo menos, dúas rapazas que pensaban marchar de Cervantes non o fixeron porque empezaron a coidar maiores e xa non necesitan irse».

O camiño do CDR Ancares está feito de pequenos pasos cara a grandes logros. Os nenos son outra das súas preocupacións. «Hai nenos que están sos nas súas aldeas, pero é necesario que se relacionen con outros fóra dun contexto regrado como é o colexio. Por iso organizamos actividades, para que aprendan a convivir con persoas da súa idade. Para os seus pais son os mellores, pero para o resto do mundo non, hai que evitar problemas de adaptación no futuro», explica Martínez.

O mesmo pasa coas mulleres. «Viven cos seus homes e os seus sogros, sen independencia económica e, en moitos casos, sen unha veciña con quen falar». Neste senso, o CDR ofrece apoio e asesoramento, tanto para actividades de ocio como económicas. «A moitas cambioulles a vida só polo feito de poder sacar o carné de conducir», comenta, «son detalles pequenos pero que nun contexto coma o de Cervantes gañan moita importancia porque atenden exactamente ás necesidades da nosa xente».

Comentarios