Ramallete de lembranzas

Ao longo dos pasados días, fomos reiteradamente requeridos para nos manifestar con ocasión do falecemento de Leopoldo Calvo-Sotelo, en razón do trato que con el tivemos nos xa distantes tempos nos que ocupamos a alcaldía de Ribadeo. Resulta dificil evitar os lugares comúns sobre todo no momento mesmo da noticia, xa que as declaracións son súpetas e o que se demanda son anécdotas ou retrincos rechamantes. Pero, a unha certa distancia, estamos en situación de dedicar unhas liñas á figura do que foi presidente do goberno.

O certo é que desde o mesmo momento da inesperada morte, percibimos un certo cambio na apreciaición da súa figura e, sinceramente, resulta abraiante que se estimen como virtudes aquelas que sempre tivo: a prudencia, a discreción, a cultura e a súa requintada, amena e mesmo irónica prosa. E desde logo a sinxeleza,  e non hai mais que lembrar a primeira estadia de verán logo de ser nomeado presidente: seguiu facendo o mesmo que en veráns anteriores, isto é, andar de zalea pola ria de Ribadeo, á cana do Juanín, moi lonxe de verbenas, saraos, foguetes e fatuidades varias, algo que foi moi de agradecer naquel tempo. A Ría era unha das súas paixóns e, de aí, a ledicia cando clausuramos o vertedeiro que ardia na entrada ou a primeira pregunta que nos facía nas conversas telefónicas,  inquirindo cómo estaba a Ria; ao non obter  resposta porque desde o despacho da Alcaldia non se divisaba, viña a brincadeira suxerindo trasladala.

Mais se voltamos ao memorialismo no eido cultural debo referirme á ocasión en que o coñecín, moito antes do periodo municipal ao que antes me referin, pois que Leopoldo Calvo-Sotelo asistiu á conferencia inaugural da agrupación cultural Francisco Lanza pronunciada por Ramón Piñeiro en xullo de 1972, un tempo —cómpre precisalo— no que nen a sociedade nen o director de Galaxia estaban ben vistos polo réxime, por decilo eufemísticamente. Lembro que, ao remate, sostiveron unha breve e cordial conversa e que a súa presencia e actitude, sorprenderon gratamente a Piñeiro. Uns vinte anos despois, sitúo os outros dous retallos dentro deste ámbito: unha orixinal e distendida tertulia co que fora presidente colombiano Belisario Betancurt, con intercambio de rexoubantes poemas entre os dous ex, ao xeito de algúns clásicos do século de ouro. E, finalmente, o seu decidido interese para que en Ribadeo se representase La muralla, a sonada obra teatral do seu tio Joaquín Calvo Sotelo, daquela xa falecido, pero que contou coa presenza da súa viúva no emblemático Teatro de Ribadeo, nunha xornada revestida de homenaxe á familia.

Serva este cativo ramallo de lembranzas de sentido testemuño de amizade e admiración e de pésame reiterado aos seus.

Comentarios