A raíña do inverno chega aos mercados

Se a moitas persoas se lles pregunta por un marisco representativo de Galicia, seguro que a súa resposta é a centola. Non é tan caro como o percebe ou a cigala, nin tan difícil de atopar como o santiaguiño, nin quizais tan exclusivo como a nécora, pero o que ninguén lle pode negar a este crustáceo de patas longas é a súa sona internacional, gañada a pulso nos platos de fogares e restaurantes de todo o mundo ao longo de moitísimos anos de historia.
Coa chegada do outono, avanzado e xa ás portas do inverno, a centola empeza a estar chea, o que marca o inicio da súa campaña, que comezou o luns de xeito oficial nas provincias da Coruña e de Pontevedra e cuxo inicio se atrasará en Lugo, como vén sendo habitual nos últimos anos, ata o vindeiro 2 de decembro.

Deste xeito a centola galega xa está nos mercados. Sen trampa nin cartón. A auténtica. O que se puido adquirir ata o de agora non foi outro que o centolo francés, procedente da Bretaña ou das Illas Británicas, o principal competidor, que ten menor prezo e menor calidade que o noso.

Se ben é certo que a primeira xornada tras a apertura da veda deparou unhas capturas discretas na maior parte das confrarías galegas, o certo é que os prezos foron máis que aceptables para o sector.

Cunhas cotas máximas diarias establecidas de 35 quilos por embarcación, máis outros 35 quilos por tripulante enrolado a bordo, as embarcacións coruñesas e pontevedresas foron vendendo nas lonxas galegas as primeiras pezas ao longo da semana a prezos que oscilaron entre os 6 euros o quilo as máis baratas ata cifras próximas aos 20 nos casos dos mellores exemplares.

Pero para unha análise algo máis precisa das expectativas do sector para a presente campaña aínda habería que agardar uns días máis, se ben en xeral trátase dun recurso que se atopa en bo estado e hai certo optimismo arredor del. Así, os consumidores tamén poden estar tranquilos porque este ano haberá centola de Galicia e será, novamente, da mellor calidade posible.

O pasado ano 2012 desembarcáronse nos portos galegos un total de 333.144 quilos deste marisco, o que supuxo un movemento de cartos de arredor dos 3 mi-llóns (en concreto 2.936.825 euros). Ribeira e O Grove son os dous peiraos de referencia en descargas, seguidos doutros como Vigo, Muros, Fisterra ou Cambados.

Como curiosidade, o prezo máximo que alcanzou en 2012 foi de 39 euros o quilo en Vigo, mentres que andivo nos 35 euros na Coruña, Aldán, Burela ou O Grove. A media en xeral foi de 8,82 eu-ros o quilo, o que o converte nun marisco asequible.

¿Sabes distinguir unha centola galega dunha de fóra?
A centola de Francia é dun vermello pálido, case alaranxado, mentres que a galega é parda escura, e ao cocela ten un vermello moito máis intenso que o da súa competidora de fóra. A galega ten as patas máis longas e as unllas moi afiadas, e a miúdo ten algas ou filamentos na cuncha e as patas, algo que a francesa nunca vai poder ter.

Datos de interese

A especie Denominada Maja brachydactila ou tamén araña de mar en Francia, é un dos crustáceos de maior tamaño. Vive entre rochas e area e aliméntase de moluscos, algas e invertebrados. Pode acadar os catro quilos de peso. Na primavera e no verán achégase moito á costa para mudar o caparazón, momento no que apenas ten carne.
Cociña A forma clásica de preparar este marisco é cocelo vivo, mellor en auga do mar con laurel que en auga con sal, durante uns vinte minutos por quilo. Sérvese mellor temperada que fría. O tamaño ideal para comer é o de 1 a 1,5 quilogramos. A talla mínima é de 12 centímetros.
Propiedades Como case todo o marisco ten poucas calorías e é rico en minerais e baixo en graxas.
Curiosidades Disque poden predecir os temporais días antes e que se agochan nas rochas. Tamén hai quen di que ten propiedades afrodisíacas. Ata non hai moito as súas cunchas usábanse como abono para terras agrarias.

Comentarios