''Quiero que Eido Dourado sea un referente de la cultura alternativa''

Celso Dourado. (Foto: Antonio López)
photo_camera Celso Dourado. (Foto: Antonio López)

Hai xa tres anos que o espazo artístico barreirense abre só tres meses ó ano coincidindo coa época estival para ofrecer sempre algo distinto ó espectador. Ademais este ano foi o escenario doutras manifestacións artísticas, coma concertos, que se ampliarán no futuro.

EIDO DOURADO cerrou onte as súas portas despois de tres meses nos que foron moitos os que pasearon polos seus xardíns e entre as súas obras de arte. O propietario e creador deste espazo artístico situado sobre a praia das As Pasadas no municipio de Barreiros, Celso Dourado, fai un repaso do que deu de si este verán e dos novos proxectos que afronta de cara á nova tempada, xa no 2012.

Xa pasaron os tres meses e Eido Dourado volve botar o peche.

Si. Empecei hai tres anos con esta idea de abrilo unicamente na época estival, dende o 18 de xuño ó 18 de setembro, precisamente por onde se ubica, a carón do mar e nunha zona de tránsito que acolle a moita xente. Ademais aproveito o inverno para preparar a nova exposición que se mostrará o ano que ven, porque precisamente a idea é crear un museo vivo onde cada ano se podan ver cousas diferentes.

E que poderán ver os visitantes que se acheguen ó Eido o próximo verán?

Xa estou empezando a traballar nas novas obras e están enfocadas a darlle unha continuidade a exposición que se puido ver este ano é que tiña como principal novidade a utilización da cor, xa que eu non a uso moito.

Este ano o museo tamén foi escenario doutras manifestacións artísticas.

A idea é que o Eido una os distintos paos da cultura e que non se quede só na súa visión plástica. Xa de por si é un espazo que xunta a arte e os sentidos, xa que mostra arquitectura (na edificación), paisaxismo (nos xardíns) e a expresión plástica, unha mistura que non é habitual. A todo iso este ano sumamoslle concertos de calidade, como foron a presentación do último disco do grupo Doa ou a actuación de Txalapartis, que fixeron un concerto único no que lle arrincaron sons á pedra.

Repetirá a experiencia?

Por suposto, o éxito acadado en cada unha das actuacións deume ánimos para seguir con estes concertos que apostan pola música alternativa e de calidade. Ademáis incluiranse recitais poéticos e indagaremos no mundo do teatro alternativo, de feito xa estamos en conversas con Casahamlet de A Coruña, un proxecto capitaneado por Manuel Lourenzo. Quero que Eido Dourado sexa un referente das manifestacións culturais alternativas.

Bota en falla na comarca actos neste sentido?

Evidentemente. Paradóxicamente os concellos contan con instalacións expositivas e con espazos onde ofrecer cultura de calidade, sen embargo, non teñen unha liña política neste sentido senón que fan a cultura do momento sen unha programación estable.

Pode ser a crise unha excusa para este abandono?

A cultura é a que máis paga a crise, pero non se entende como se poden pagar 20.000 euros ou máis por unha orquestra e, sen embargo, a música de autor e do país ten que andar buscando espazos onde actuar. Mal vamos nun país onde a cultura prima isto e ninguén fai nada para evitalo.

É dificil hoxe en día adicarse ó mundo da arte?

Moi díficil, sobre todo cando non recibes axudas de ningún tipo e no meu caso é unha iniciativa totalmente privada e que está aberta ó público de maneira gratuita. Ademáis un proxecto cultural no medio rural sempre é complexo. Vacíase o peto, pero énchese o espírito.

Está traballando noutros proxectos a parte do Eido?

Si, agora mesmo estou preparando unha mostra que estará no museo e tamén se exporá en Lugo e o mes que ven participo nunha exposición colectiva que organiza unha galería de Edimburgo. Ademais estou vendo a posibilidade de expoñer en Santiago pode que de cara ó ano que ven.

Comentarios