sábado. 05.12.2020 |
El tiempo
sábado. 05.12.2020
El tiempo

Queremos unha 'quita' (e II)

APARTE DOS cidadáns que non temos maneira de intervir nos prezos dos bens necesarios tamén precisamos unha quita. Necesitamos diminuír os nosos gastos. Tamén queremos unha quita de gastos. O maior paradoxo do presente é que en tempo de recortes os gastos imprescindíbeis para sobreviver van en aumento, ao mesmo tempo que diminúen os ingresos. Chamarlle paradoxo é un grave insulto se os destinatarios dos recibos de electricidade, p.e., son asalariados de salario mínimo conxelado en 645,30 euros mensuais ou xubilados de menos de 500 euros mensuais.

En Galiza hai 327.866 desempregados. De entre eles, os que perciben prestacións de desemprego receben como media 3.909 euros ao ano. Hai así mesmo 767.901 pensionistas cuns ingresos medios anuais de 11.183 euros.

É dicer, dunha poboación total de 2.765.940 persoas, unha parte moi importante debe abonar uns recibos crecentes de bens indispensábeis, mentres os ingresos están conxelados ou mesmo diminúen.

A crise ten leccións para todos e de todo tipo. Levamos observado ao longo da súa traxectoria que algúns seguen gañando, e gañan moitísimo, namentras outros -a maioría aplastante- perden, e non pouco. Mesmo, vanse perdendo vidas, en termos cuantitativos e cualitativos. Observamos tamén como a desigualdade exhibe a faciana máis obscena do capitalismo. Bancos, financeiros varios, ricos novos e vellos ricos gañan máis ca nunca e o conxunto dos traballadores paga unha parte alícuota non negociábel dos ingresos de compañías con poder superior ao Estado.

Fixémonos no caso da electricidade.

No caso da enerxía eléctrica na Galiza, debemos separar dúas partes na análise. Primeiro, levamos toda a vida útil das empresas produtoras de enerxía eléctrica pagando un sobreprezo sobre o dos consumidores situados a distancia do lugar de produción. Insulta a intelixencia dos galegos soportar prezos de electricidade igual que Madrid ou Málaga cando é sabido que só en transporte hai unha perda media do 14% da electricidade distribuída. Isto, sen citar os custos territoriais soportados polo destino exclusivo -e excluínte- para electricidade. Así, por exemplo, onde existe un encoro de hidroelectricidade, non se pode producir máis nada. Nen tampouco destinar o río a usos alternativos. A segunda componente é o carácter monopólico do prezo da electricidade. O prezo quilowatio/hora é o que din as compañías produtoras. O Estado prégase e, ademais, para garantir o servizo, se for preciso, subvenciónaas. Sempre debeu ser preciso, xa que sempre foron subvencionadas. No ano 2012 receberon do Estado 11.374 millóns de euros e aínda teñen arruallo para falar de déficit tarifario. Se vender electricidade non é negocio terán que deixalo a alguén que o fixer mellor, porque nos restantes países europeus os usuarios pagan pola electricidade moito menos que os españois, sendo o territorio peninsular máis adecuado para producir electricidade de calquer fonte non petroleira. Non é xusto pagar pola electricidade un prezo abusivo, pagar todos igual e pagar fixos altísimos independentemente do consumo. Precisamos un trato como usuarios da electricidade polo menos do mesmo coidado do que receben as compañías.

Queremos unha 'quita' (e II)
Comentarios