miércoles. 16.06.2021 |
El tiempo
miércoles. 16.06.2021
El tiempo

Queremos saber quen manda

(*)

HAI ALGÚNS feitos políticos recentes que nos traen un pouco (sendo moi moles) desorientadas. Resulta que o presidente do goberno do Estado español se enteira pola prensa das redadas, das detencións, das imputacións, das acusacións, dos escándalos. É dicer, o sr. presidente do goberno sofre por riba e por fóra do goberno accións que non se dirixen desde o mesmo, e das que non se enteira até despois de sucederen.

A pergunta inmediata dunha cidadá é averiguar dúas cuestións obxecto de intriga: é certo que o presidente se enteira pola prensa dos feitos consumados? É certo que nen el, nen o seu goberno, teñen disposta unha campaña de eliminación das corruptelas nas institucións?

Se fose afirmativa a resposta da primeira cuestión, deseguido facémonos, á forza, outra pergunta: quen ten logo máis poder que o presidente para ordenar actuacións policiais que rematan en procesos xudiciais? Hai alguén superior e distinto do fiscal superior do Estado, órgao do Executivo na ordenación institucional española que ten capacidade e poder para planificar investigacións, dispor dos fondos para realizalas, filtrar os pasos dos resultados provisorios das investigacións á prensa, avivar o escándalo do escándalo creado con base ou con pouco fundamento e, desde aí, dirixir a acción política?.

No segundo escenario, é preciso, porén, aclarar os sucesos de corrupción que cada día e a modo de cicloxéneses abanean o goberno día si e día tamén. Á vez, e como principal resultado buscado, sementan ventos de dúbidas cando non de terror sobre o ferido viver da cidadanía. Non era suficiente o paro, a emigración, a bulra da capacidade humana ante os prezos dos bens de primeira necesidade de orixe monopólica, a caída das prestacións públicas, a caída do investimento público que xeraría actividade económica, o desinvestimento industrial, a escaseza, por non dicer desaparición, do crédito bancario… senón que cómpre ter a cidadanía apouvigada e sen capacidade de reaxir grazas ao veleno paralisante da corrupción política. Porque o pior escenario para os que non temos capacidade de goberno institucional e delegamos nos representantes políticos co noso voto, é pensar que o fixemos no entendemento de que serían quen, serían capaces, de gobernar, é dicer, ter plans de acción gobernamental para dirixir os pasos da vida política, vida que, en sociedade, éo todo.

Que grave e aleivoso me resulta ouvir que o director da orquestra do goberno do Estado español recoñece que hai alguén -o innomeábel- a quen lle dá cada día por desvendar na prensa un novo escándalo. Parece como se o director de orquestra non tivese as partituras do concerto. Os músicos tocan o que lles peta e o xefe de relacións públicas do teatro anda laretando os segredos dos músicos. Quen goberna en España?

Porque agora non poden botarlle a culpa do malestar cidadán, do apioramento da convivencia, da falla de paz cidadá a ninguén externo ás propias institucións insertas na orde constitucional. Estas accións, tanto as corruptas como as políticas de aterrorizar a vida cidadá, son ilexítimas. Seguimos interrogando: quen manda en España?

(*) Se mantiene el idioma original del artículo.

Queremos saber quen manda
Comentarios