''Queremos que este libro quede en la parroquia como un recuerdo vivo, un homenaje al pasado''

Flor Chao, presidenta da asociación (Foto: I.G. / Ama)
photo_camera Flor Chao, presidenta da asociación (Foto: I.G. / Ama)

O libro ‘O Espello das Lembranzas’ elaborado pola asociación Fraga das Saímas preséntase hoxe no centro sociocultural de San Andrés de Boimente. Esta iniciativa xurdíu co obxectivo de recopilar todas as vivencias acontecidas durante corenta anos na parroquia, a través dos relatos dos propios habitantes.

as lembranzas dos veciños de San Andrés de Boimente trasmitiranse ás novas xeracións grazas á labor da asociación de mulleres Fraga das Saímas, que quixo reflexar no libro ‘O Espello das Lembranzas’, como era a vida dos antepasados na parroquia dende o ano 1940 ata o 1980.

Como se lles ocurriu levar a cabo esta iniciativa?

A nosa idea era que as novas xeracións, que tiñan un total descoñecemento entre os anos 40 e 80, coñeceran de primeira man como se divertía antes a xente e de qué xeito facían as cousas. Primeiro fixemos unha exposición fotográfica e, como non queríamos que se perdera todo este material, pensamos en facer un libro catálogo recopilatorio. É un conxunto de fotos e uns textos explicativos sobre que veciños aparecen, en que ano se fixeron e onde. Trátase dunha especie de homenaxe ó pasado, un recordo vivo que quedará aquí.

Como era a parroquia naqueles anos?

Naquela época esta parroquia era moi activa, tiña moita xente e había moita colaboración entre os veciños. Todos se axudaban mutuamente e todas as xuntanzas eran case como unha festa, pero isto foise perdendo pouco a pouco.

Que lembranzas se poden atopar no libro?

Rememoramos todas as festas, feiras e romerías tradicionais que se facían na parroquia e nos arredores, moitas das cales xa se perderon, Labores como as mallas, cómo se araban as terras, os fotógrafos que había, os mestres, os curas... todas as actividades celebrábanse dun xeito diferente.

Recorda algún acontecemento en especial?

As merendas tan típicas daquela época, ás que acodía moita xente e disfrutaban moito non só da festa, senón do ambiente que se xeraba no campo. Tamén destacamos dúas obras teatrais, antes coñecidas como veladas, que se fixeron entre os anos 40 e 50, a primeira só de homes e a segunda de mulleres con motivo de facer unha colecta para traer bancos e viacrucis para a Igrexa.

Resultoulles sinxelo recopilar todo o material?

É un traballo laborioso que comenzamos fai case dous anos, especialmente a secretaria da asociación, Gloria Rouco, que foi a encargada de montar toda a idea xunto coa nosa colaboración. Todos os veciños se volcaron moito neste proxecto e logramos recopilar máis de 60 fotos, que para aqueles tempos son moitas xa que no medio rural case non se facían.

Teñen pensado poñelo á venda?

Non, fíxose coa intención de que fora único e exclusivo para a parroquia. É un libro de máis de 100 páxinas que inclúe un CD coas fotografías. Fixemos 200 exemplares que daremos hoxe na presentación. Deixamos un para cada socia e o resto repartimolos entre os veciños da parroquia e os que son nativos de aquí pero agora viven fóra.

Como presentarán o libro?

Faremos unha proxeción coas fotografías que se inclúen no CD recopilatorio é o mesmo tempo explicaremos brevemente a información que se pode atopar. Non deixa de ser un libro cultural. Finalmente repartirémolos.

Teñen moitos convidados?

Xa temos confirmadas entre 80 e 90 persoas. Nós encargámonos de enviar as invitacións a toda a xente da parroquia sexan ou non socios. Tamén convidamos ós representantes da corporación municipal. Asistirá a concelleira de cultura, Olaya Casas, e o vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga.

Logo teñen festa...

Si, celebrarémolo todos xuntos cuns aperitivos. Tamén teremos unha actuación musical a partir das 18.30 horas a cargo dos compoñentes do grupo A Quenlla, Mini e Mero.

Comentarios