Quen parte e reparte...

VIÑERON a Lugo durante as pasadas semanas destacados pensadores do eido político que opinaron, como non, sobre o momento de crise polo que pasa Occidente. Entre outros, Ignacio Ramonet, Carlos Taibo e Federico Mayor Zaragoza artellaron un discurso altermundista que vén a reclamar unha nova orde social e a reformulación do capitalismo, loitando por botar abaixo a ditadura dos mercados. Demasiado bonito para ser verdade, porque teño estes discursos por utópicos, é dicir, difíciles de levar á práctica. Por unha parte porque a economía de mercado está máis enraizada que nunca no mundo e, todo hai que recoñecelo, está a sacar a unha parte da humanidade da pobreza. Grazas ás reformas emprendidas hai anos, Latinoamérica, a África subsahariana e Asia están medrando a un ritmo que causa envexa nos países desenvolvidos. Por outra parte, está a evidencia de que os últimos países que quedaban con un réxime comunista están a traspasar con descaro as fronteiras do liberalismo económico. Entre os persoeiros que menciono, como tamén dentro do gran movemento dos indignados, existe certamente unha inquedanza por procurar un novo modelo para as relacións económicas e sociais. Pero a maioría da xente conténtanse con facer unha rebelión contra os recortes e a rebaixa do nivel de vida de que se gozaba anteriormente. De feito, moitos dos que protestan, desde España a Brasil, son integrantes dunha clase media vida a menos que mesmo defende manter unha política de alto déficit público como xeito de seguir co estado do benestar (sempre se deixa entre paréntese, para esquecelo, que os necesarios prestamistas son tamén as bestas negras dos contestatarios: Fondo Monetario, Banco Central Europeo, Merkel, etc.).

Hai outras posturas, aparentemente máis lúcidas e coherentes, como as de Taibo e algúns ecoloxistas, que defenden políticas de austeridade ou decrecemento, porque cren que o progreso indefinido conduce á desigualdade social, o esgotamento dos recursos naturais, estragando o medio ambiente, e a unha idolatría do diñeiro. Tales ideas teñen poucos seguidores e menor eco electoral. A maioría está a outra cousa: curiosamente cando dicimos que os ricos teñen que facer un maior esforzo nestes tempos, apenas aplicamos a receita no plano nacional. No ámbito exterior, a ninguén se lle ocorre que a baixada do nivel de vida que agora nos preocupa a europeos e norteamericanos é o necesario contrapunto da emerxencia de chineses, indios, bengalís e outros. En van agardamos que eles sigan a fabricar barato indefinidamente para maior gloria desta sociedade que ten sido tan consumista e, tamén hai que dicilo, un punto egoísta.

Comentarios