sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

Queda o amor

Chega novembro, no meu sentir o mes máis cativo do ano malia que a sabedoría popular o  cualifique de ditoso, quen sabe se ironicamente: “Ditoso mes que empeza con Santos e acaba con San Andrés”. Rebe a luz e vén o frío. Todo convida a vivir cara a dentro, a se meter na casa. Se cadra é por iso polo que nos lembramos dos que dormen fóra, os nosos defuntos. Sábese que a celebración  do Día de Defuntos, instituída pola Igrexa Católica no século XIV, tivo como precedente a iniciativa de San Odón a finais do X. O frade bieito instauráraa na súa orde para o 2 de novembro de cada ano. Tamén se sabe que a Igrexa, como noutras celebracións, o que fixo foi cristianizar un rito pagán.  Mais acontece como cos palimpsestos, aqueles códices de pel que se poñían a amolecer en leite para limpar despois con pedra pómez e escribir un novo texto, en que, pasados os anos, afloraban palabras do texto primeiro. Os ritos pagáns tamén afloran e, xunto ás preces polos mortos e as flores nos cemiterios, a xente faille a figa á morte a se divertir a conta dela. Tal acontece co Samaín, a festa celta que marcaba o comezo do ano e a estación sombría, o 1 de novembro. Existía a crenza de que nesta data desaparecía a fronteira entre o mundo dos vivos e o mundo dos mortos e era a ocasión para ser reunir cos devanceiros. Ademais de acender lume fregando pólas de sorbeira e freixo  que despois se levaría  a todas as lareiras, baleiraban nabos de gran tamaño para lles pór dentro candeas. As caveiras de dentes regañados feitas de cabazas, os disfraces  que infunden terror, o “Halloween” que talvez exportaron os irlandeses aos Estados Unidos, son fillos desta vella tradición.  O que é sermos colonizados, moitos reciben con entusiasmo o “Halloween” e esquecen que o Samaín xa nos pertencía.

Nisto de celebrar os defuntos son especialistas os mexicanos. O día 1 está dedicado aos nenos e lévanlles xoguetes e larpeiradas mentres que o día 2, o dos adultos, as ofrendas consisten en comidas picantes, bebidas alcohólicas e mesmo tabaco.  Ben significativas son as palabras de Octavio Paz nun dos relatos de El laberinto de la soledad: “Para el habitante de New York, París o Londres, la muerte es la palabra que jamás se pronuncia porque quema los labios. El mexicano, en cambio, la frecuenta, la burla, la acaricia, duerme con ella, la festeja, es uno de sus juguetes favoritos y su amor más permanente”.

Non sei se este é o xeito máis adecuado de se familiarizar coa morte, pero coido que, malia que esta se nos dea feita, a antesala sería bastante máis levadía se conseguísemos perderlle nalgunha medida o respecto.

Quen ten mortos queridos, aínda que lles leve flores á tumba, sabe ben que onde verdadeiramente residen é na memoria dos afectos porque, para dicilo co título do libro de Agustín Fernández Paz, o noso máis recente Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, o único que queda é o amor.

Queda o amor
Comentarios