Me sobra Carnaval

Marisé, elaborando flores para o pucho de Entroido.
photo_camera Marisé, elaborando flores para o pucho de Entroido.

A zona sur da provincia ferve de Entroido. No ‘backstage’ técense unhas festas que nacen do máis primitivo, da natureza e da relación do home con ela. Ritos ancestrais que algúns expertos colocan na prehistoria, como o Oso de Salcedo, na Pobra do Brollón. «Isto pérdese na noite dos tempos», asegura, poñéndose poético, Javier González, presidente da asociación de veciños.

González pregúntalle ao taberneiro da Cantina da Julia. «Cantos anos hai que morreu Antonio de Xaquín?!». «Non sei, haberá tres ou catro!». Dá a volta, apoiáse na barra, onde goza cos paisanos dun café e algo máis. «Este é o mellor licor café que hai», presume. «Pois Antonio de Xaquín -continúa-, que era o máis vello do pobo e tiña 97 anos cando morreu, dicía que il (sic) non acordaba do porqué do oso nin dende cando se facía».

No 2004 achegáronse ata a zona para estudar o curioso caso do Oso de Salcedo o etnólogo francés Jean-Dominique Lajoux e o arqueólogo xaponés Tetsuya Amano, que relacionaron historicamente esta festa cun culto prehistórico.

Amano, da universidade de Hokkaido, é experto na cultura anui, moi vencellada aos úrsidos, e sentiuse atraído por esta mascarada galega única. As orixes da etnia dos anui son moi antigas e están considerados hoxe en día, conxuntamente con outras etnias de Siberia, como os primeiros grupos poboadores de Asia. Segundo os achados arqueolóxicos, chegaron a Hokkaido durante a última glaciación, hai máis de 18 mil anos. Entre os seus ritos dedicados a este animal está a danza ‘Iyomante rimse’, para celebrar o deus oso.

Como outro apunte internacional de relevancia, González explica que dende o ano 2008, a máscara do Oso de Salcedo, única en Galicia, forma parte do Museo do Entroido de Binche, en Bélxica, declarado pola Unesco Patrimonio da Humanidade.

De cen a mil

O interese de numerosos expertos deulle pulo á festa para resurxir case como celebración de masas. Salcedo, con 102 habitantes e unhas vinte casas, na aba dos montes do Courel, multiplicará por catro a súa poboación o próximo luns: chega o oso, a súa maxestade, e iso é sagrado nesta festa pagá que non se perderán milleiros de persoas chegadas dende todo o país.

O luns pola tarde, o Oso de Salcedo anunciará a súa visita -cun séquito de 12 criados- co son das campás do seu cinto. E durante tres horas uns e outros ‘loitarán’ nun «corre que te pillo».

As vítimas, que os criados lle levarán ao Oso, presas con paus, acabarán coas facianas tisnadas dunha mestura de cinza e auga: a marca da casa.

As crónicas revelan que tempo atrás a arma empregada era esterco, polo que algúns visitantes aínda pensan -sen que iso sexa impedimiento- que acabarán a enxurrados e cheirentos.

O Oso de Salcedo, como personaxe peculiar único dentro do Entroido galego e español, anuncia a chegada da primavera (tras o longo sono de inverno) e dunha nova tempada agrícola.

Outras hipóteses recordan a antepasada inimizade entre o animal e o home, cando o primeiro roldaba as albarizas na procura de mel.

Pero o que todos si saben en Salcedo é que (xa metidos en preparativos) a identidade de quen cada ano viste a pel de oso é segreda. Máis segreda que a fórmula da Coca-Cola por un pacto de séculos. Un pacto de silencio entre cabaleiros, porque quen carga o traxe -en realidade feito con pel de ovella- é un home. «Van dicir que temos unha festa machista», comenta Javier. Din que algunha muller si se vestiu de criada. Ou non. O Entroido xa se respira en Salcedo, broma tras broma.

No Museo Etnográfico da aldea, tres rapaces voluntarios mostran o proceso da vestimenta do oso e dous dos seus lacaios. Axúdaos Teddy, así escrito -«eu son o de Salcedo e ou outro é o ladrón», rise-. Teddy, expresidente da asociación de veciños, é dos que non perde unha, e explica moi serio, facendo acenos constantemente para suliñar cada momento do proceso e que non se nos perda unha a nós.

O traxe de pel complétase cunha caperuza, a máscara feita por un artesán en coiro, o cinto coas campás e unhas luvas a xeito de poutas coas que luxará aos seus prisioneiros. As vestimentas dos criados son máis sinxelas: un traxe de tea de saco, un cinto e un pau. «Nunca para pegar», advirte Teddy.

O traxe do oso pesa uns trinta quilos, «que poden ser o dobre se chove», din. Unha pel para danzar e correr máis de dúas horas polo angosto e empinado Salcedo, que ata o luns seguirá hibernando.

A fereza -ao cabo non tanta- deste úrsido carnavaleiro, as cores pardas, terra e grisáceas da posta en escena, pouco teñen que ver con outro dos entroidos antropoloxicamente máis interesentes de Galicia, o Ribeirao, tamén un dos máis madrugadores da provincia, que xa deu comezo hai máis dunha semana co Domingo Lambedoiro.

A festa, que non se celebrou durante máis dunha década a finais do século XX, volveu recuperarse no comezo do novo milenio grazas a unha asociación e a un cambio xeracional levado a cabo con éxito: pequenos e mozos esperan todo o ano por estas datas.

Polo menos iso é o que lle pasa a Sergio, de sete anos, que asegura que os días de Entroido son os mellores do ano porque lle gusta «seguir a tradición» e estar cos amigos «e xogar moito». Ademais, «o último día de Carnaval, o martes, ven o mequiño e tráenos moitas cousas», sorrí.

Sergio é o fillo máis novo de Juan Carlos González, da Asociación de Amigos do Entroido Ribeirao, e un dos máis veteranos: «Teño 49 e xa empecei con 16... e non empecei antes porque non me deixaron».

O salón do piso chantadino desta familia é como unha tenda de agasallos carnavalescos. Bolsas cheas de papel rizado de todas as cores, os panos que forman parte das vestimentas, campás...

Na mesa, Marisé, a dona de Juan Carlos, desenvólvese entre fíos, recortes de papel, finos aramios... Fala e vai montando as flores que leva o pucho -o grande vai adornado cunhas 120-, un elemento estético e tamén un personaxe dentro do reparto desta película. Volantes, peliqueiros, mecos... Un precisa case dun esquema para seguir unha trama sobre a fertilidade do campo e a chegada da primavera, cunha posta en escena que é unha explosión de cor.

Todo é artesanal e Juan Carlos di que nunca tivo paciencia para poñerse a facer flores, mentres Marisé lanza unha ollada algo revirada.

Durante vinte días a casa deste matrimonio transfórmase en lugar de preparativos e reunións. «É imposible ter ordenado algo aquí, cos traxes, os adornos. Nestes días a casa está así sempre», comenta Marisé.

Juan Carlos ofrécese a vestirse de volante. Teno que axudar a muller, capa a capa, elemento a elemento. O traxe, en vermello e amarelo, complétase con coridos panos que tamén cubren a cabeza, guantes, unha careta artesanal, e o cinto de campás, o elemento máis prezado e máis desexado polos cativos.

Corenta quilos de campás sobre un ancho cinturón feito de coiro e pel de cocho, e que Juan Carlos fai soar sen previo aviso, deixando atronado o salón.

No 1999, recorda, «só había Carnaval en Vilaúxe». Foi a partir de 2002 cando un grupo de amigos decide impulsar a tradición en todas as parroquias. Actualmente, e despois de que Nogueira decidise organizarse individualmente, o Entroido Ribeirao celébrase en Santiago de Arriba. «Pero nós dicimos que é unha festa aberta a todos», matiza Juan Carlos.

Moi calada, nun extremo da mesa, está Ángeles, cuñada de Juan Carlos, que atende ao discurso deste atentamente. Residente en Huelva, leva aquí uns días para asistir, por primeira vez a este Entroido. «Aí xa tes a visión dunha que vén de fóra», di Juan Carlos.

Ángeles está moi impresionada, xa que aló, en Andalucía, a maior das festas pagás ten «un «carácter más ostentoso, no tan tradicional como este».

MÁIS DE MEDIO SÉCULO DE PAIXÓN POLO TEATRO

No Entroido de Salcedo, ademais da saída do Oso, que é o acto central, está o teatro. Unha actividade que se non é de séculos si que superou o medio de vida. «Xa levamos 57 anos facendo representacións teatrais todos os sábados e domingos de Entroido pola noite.

CDG

Nas dúas veladas, nunha nave para capacidade de cincocentas persoas, participa todo o pobo, como actores ou público. Para unha das montaxes, ‘O ávaro’, o Centro Dramático Galego prestou o vestiario.

OS OFICIOS

Os oficios son outro dos elementos representativos do Entroido Ribeirao. Son pequenas pezas teatrais satíricas ou bromas entre veciños. Máis vale tomalo con bo humor porque non hai piedade: un alcalde acabou atado a unha bola de granito, a xeito de preso.

As festas continúan este domingo co Domingo Corredoiro, dende as 16.00 horas. Haberá desfiles, música e sorteos.

Comentarios