''¿Que si yo hice alguna locura por amor? Te digo que aún he...''

O vicepresidente da Deputación e presidente do Breogán, Antonio Veiga, séntese un inconformista

1. ¿Que é o que máis lle gusta e lle desgusta do seu traballo?

O mellor é poder levantarme cada mañá co convencemento de que co meu traballo estou aportando algo para que o mundo poida ser transformado. Desgústanme os que non queren que o mundo sexa transformado.

2. Se volvese empezar, dedicaríase a...

Ao que me tocase, porque un sempre acaba dedicándose ao que lle toca, raras veces ao que a un lle gustaría. E é mellor que sexa así, porque só os inconformistas poderemos cambiar o mundo.

3. O soño que máis se repite é...

Os lugares da infancia, onde sempre había sol e moita xente. Tamén teño algún pesadelo...

4. ¿ Estraña algo do que foi deixando atrás?

Todo o que nos é querido sempre queda atrás, dicía a canción. Pero eu todo o que me é querido lévoo comigo sempre, é a miña enerxía para o camiño.

5. ¿A quen admira?

Aos que nunca perderon nin perden a paixón nin a coraxe para a loita, por mal que veñan dadas.

6. ¿Hai algo do que se arrepinta que se poida contar?

De calar algunha vez cando debera falar, pero non é para contar.

7. ¿Que cita subscribiría?

«Na miña terra cumprirase a vontade dos mártires» (Castelao).

8. ¿Que coche ten?

Un Volkswagen Golf.

9. ¿Cal foi o capricho máis caro que mercou?

Non son caprichoso, e se algunha vez teño algún é para agasallar.

10. ¿Cal é o seu ben material máis prezado?

Desgraciadamente, o móbil e o portátil. Teño unha relación contraditoria con eses trebellos.

11. Unha toleada que fixera por amor...

Aínda hei...

12. ¿ Hai algo que non lle perdoaría a súa parella?

O perdón vai moi ligado ao pecado. Son dúas palabras que se deben usar o menos posible, paréceme que raian coa misoxinia.

13. ¿Teñen algún pacto?

Que eu saiba, non.

14. ¿Envéxalle algo ao outro sexo?

Non, simplemente gústame.

15. ¿Que libro ten enriba da mesiña de noite?

Sempre teño ‘Crítica da razón galega’ e ‘Contos do Valadouro’.

16. Non sae da casa sen...

Un ollomao no peto, por iso da boa sorte e porque é coma levar contigo un cacho das praias de Barreiros.

17. ¿Que pecados capitais desculpa?

De pecados sería mellor que falase Rouco Varela ou o organismo que el preside, que son os que entenden... porque son os que promulgan os dogmas, os que xulgan e os que impoñen penitencias ou absolven, ¿non? Pero, xa digo, hai que usar menos esa palabra.

18. Nunca falta na súa neveira...

Leite galego e, de inverno, os grelos da miña tía Josefa.

19. Pérdeo un bo...

Unha boa conversa, e se é ceando coa persoa axeitada, mellor.

20. Unha prenda que desteste.

Todas as que apreten o pescozo.

21. A súa viaxe soñada sería a...

Calquera país de Suramérica.

22. A paisaxe que máis o impresionou...

O mar na Mariña impresiona cada día. É un espectáculo único.

«O MAR NON ENGANA, PERO EN TERRA...»

1. Ostenta varios cargos no seu partido, o BNG; a vicepresidencia da Deputación e a presidencia do Breogán, non sei se gañará para axendas...

Eu teño unha única axenda onde conviven en relativa harmonía actos políticos, deportivos, institucionais... ¡e ata as ceas cos amigos!

2. ¿Prefire os enfrontamentos cos seus contrincantes políticos ou os que se producen na cancha de baloncesto?

Cos enfrontamentos deportivos gózase máis. Pola contra, os políticos non rematan ao soar a bocina, pero son inevitables.

3. Naceu na Mariña e traballou no sector pesqueiro, ¿onde é máis difícil ‘faenar’, en alta mar ou en terra firme?

O mar é bravo pero non engana a ninguén. Oxalá se seguise esa filosofía en terra.

4. É un activista incansable no eido do asociacionismo, ¿cre que é especialmente importante en momentos de crise?

¡Contra a barbarie, cultura! A barbarie das guerras imperialistas, dos bancos, das reformas laborais, das cavernas mediáticas, do centralismo casposo... ¡e que o pobo leve a iniciativa sempre!

Comentarios