Que país!

O DÍA A DÍA fornécenos de metáforas, e aínda de alegorías, que como se sabe son aquelas se se prolongan, para explicar o que nos acontece ou, cando menos, o substrato do que nos acontece.

A noticia que quero comentar hoxe pon de manifesto, máis unha vez, o gran respecto que temos polo alleo (é ironía, claro está). Refírome ao acontecido en Tenerife, onde correu o rumor de que os caixeiros daban billetes sen límite e independentemente do saldo do cliente. Polo visto a fusión de Caja Canarias con La Caixa obrigou a uns axustes no sistema informático que non impedían retirar diñeiro, mais non se reflectía no saldo. Seica as xentes se apresuraron ao expolio, a facer cola en longas ringuileiras, como se acudisen a única fonte que en tempo de seca deita auga.

E, seguindo a falar de fontes, inxenuos eles -inxenuos, non inocentes-, pensaron que se producira un prodixio como o que fai que o día da festa as de certos lugares boten viño. Claro que a comparación non é moi pertinente tratándose de Canarias, onde as fontes son poucas e o consumo desta bebida menos frecuente que por aquí. As 9.000 hectáreas de viñedos das illas tampouco dan para moitos desbaldimentos. Por certo, o de La Geria (Lanzarote), o único que catei hai moitos anos, pareceume saboroso e non especialmente barato. Tampouco sei que fixeran algo así co seu ron Arucas.

Chámolles inxenuos por coidaren que, á fin, as contas non habían aparecer. E digo que non son inocentes porque é evidente que tentaban aproveitarse da suposta avaría do sistema, se cadra considerando aquilo de que «quen rouba a un ladrón ten cen anos de perdón».

É moi probábel que estes aproveitados se pronunciaran vehementemente contra os altos directivos e políticos corruptos; tamén, que en ningún momento pensasen que se semellaban a eles. Algúns crerían que se trataba do milagre que levaban tempo pedindo para superaren este momento. Seguro que ninguén se lembrou da película ‘Unha proposición indecente’ cando decidíu o prezo da propia honradez. Porque houbo xente ambiciosa e xente máis cauta, se cadra por non alporizar aos que agardaban a súa quenda e poderían atopar o caixeiro sen nada.

Isto é o que hai ou, para ser máis exacta, o que vemos, xa que, desmentindo o comezo deste artigo, seguramente foron moitas máis as persoas que tiveron coñecemento do asunto e, por honradas ou por non seren inxenuas, ficaron na súa casa. Do mesmo xeito, a maioría dos administradores da cousa pública non se venden nin se alugan. Poñelos baixo sospeita non sería menos inxusto que xulgar que todos os canarios e canarias estarían dispostos a sacar dolosamente cartos dos caixeiros de ser isto posíbel.

Comentarios