Que o novo goberno non sexa pasivo coas terras

O minifundismo foi un problema básico da nosa agricultura tradicional por pura necesidade. Había unha importante poboación que soster e alimentar cuns limitados recursos e o resultado foi un número elevado de pequenas explotacións. A comezos dos anos sesenta aínda había unhas 420 mil explotacións, sen terras abondo para todas. Pero os cambios destas últimas décadas foron moi rápidos. Primeiro deuse a emigración ás cidades e a diversos países europeos e despois o subseguinte envellecemento, provocado pola anterior saída dos máis novos, que provocaron un rápido e intenso descenso no número de agricultores e despois tamén das explotacións.

Estes cambios crearon unha nova situación. Ao reducirse o número de agricultores e de explotacións que permanecían activas había que establecer medidas de reforma estructural, apoiando a transferencia desas terras para as que continuaban activas.

Estas foron as políticas estruturais que estableceron diversos países europeos como parte da adaptación á nova situación, baixo gobernos de distintas sensibilidades e ideoloxías. O caso francés é exemplar por ter desenvolvido unha política estrutural moi activa baseada na protección do uso agrario das terras, na concentración das parcelas e no apoio a súa transferencia entre as que abandonaban e as que permanecían activas por medio dos arrendamentos. Desgraciadamente en todo o prolongado período de gobernos de Fraga na Xunta, cando contaba ademais cunha elevada dotación de fondos estruturais da Unión Europea, non se tomou ningunha medida ao respecto.

O resultado foi unha considerable anarquía no uso da terra, sendo as súas manifestacións máis evidentes os limitados aumentos do tamaño das explotacións que permanecían activas mentres que se incrementaba o das terras abandonadas e as plantacións forestais en antigas terras de cultivo.

Gran parte das explotacións seguen sendo minifundistas, cando o problema non é xa de falta de terras, pois o número de explotacións é menos da cuarta parte das existentes catro décadas atrás, senón de poder utilizar parte das que están abandonadas.

Agora que está a comezar unha nova etapa de goberno conservador na Xunta desexo que non exista de novo esa mesma pasividade e que utilicen algunhas das medidas
establecidas nestes últimos anos, como a do Banco de Terras, aínda que os seus resultados sexan limitados polo momento e cecais precisen dalgúns axustes.

Comentarios