Que me poño

UN DOS últimos museos abertos en Madrid, adicado ó Traxe, reflicte os cambios producidos na nosa sociedade en temas de vestimenta; aínda que non somos conscientes, este é un dos aspectos sociais que máis evolucionaron co paso dos séculos. Desde tempo inmemorial, as persoas usaron pezas segundo o seu status social e modo de vida. Tamén algunhas institucións, como a igrexa ou o exército, fixeron da forma de vestir a principal referencia externa do principio de xerarquía. Con todo, na sociedade civil actual produciuse unha gran simplificación destes códigos, de maneira que cada vez é máis parecido o modo de vestir de persoas de distinta condición e idade.

Para o tempo de lecer e moitas tarefas laborais impúxose unha moda informal estándar que o mesmo pode servir para o neto que para o avó, para o profesor que para o dependente dunha tenda. En resumo, o vestido deixou de marcar distincións entre clases sociais,
profesionais e tamén entre sexos. Porque esta converxencia abarca agora tamén ás mulleres, especialmente desde que incorporaron os pantalóns ao seu armario. Con todo, este paso non estivo exento de dificultades xa que foi condenado polos sectores máis
conservadores.

Baseándose en textos bíblicos (o Deuteronomio di que «non vestirá a muller traxe de home, nin o home vestirá roupa de muller») algún bispo sinalou que esta circunstancia causaba escándalo e mesmo a compracencia do inferno; a día de hoxe, certas comunidades protestantes aínda prohiben ás súas mulleres levar esa peza. Tamén é coñecido que en moitos países musulmáns existe unha ríxida regulamentación sobre como deberá vestir a muller, chegando a obrigala a cubrir totalmente a cara; os homes, pola contra, gozan de maior liberdade e ata locen, cando o desexan, a moda occidental.

Desta forma, comprobamos, unha vez máis, que todas as sociedades someten ás mulleres a algún tipo de discriminación e limitan a súa liberdade, mesmo na forma de vestirse. Mesmo nos países máis democráticos e avanzados, onde presenciamos críticas derivadas do atuendo de diversas donas. Este é o caso da chanceler de Alemaña, á que acusan de ter un vestiario pouco vistoso e variado.

Lémbrome tamén do escándalo provocado por unhas ministras españolas posando para unha revista, da recente reportaxe dunha dirixente do Partido Popular (criticada polo mesmo periódico que lle solicitou as fotos) ou da reprimenda que levou a ministra de defensa polo seu atuendo nun acto oficial; dentro desta cadea de despropósitos, no canto de eloxiar o seu sentido do aforro, vertéronse críticas cara a princesa de Asturias por repetir o mesmo vestido en distintas ocasións. Pola contra, cando un candidato catalán saíu espido nos carteis electorais foi moi aplaudido por ter unha idea tan graciosa.

Daquela, aínda que se ten avanzado moito nos dereitos da muller, a algúns parécelles que elas aínda teñen contas pendentes desde aquel asunto do pecado orixinal.

Comentarios