Sábado. 15.12.2018 |
El tiempo
Sábado. 15.12.2018
El tiempo

Que foi dos irmáns? (Carta inédita)

A RECENTE perda do legado de Álvaro Gil depositado no Museo de Lugo pon de actualidade o debate sobre a influencia dos vellos galeguistas na vida política e cultural luguesa. Un dos documentos orientativos sobre a evolución deste movemento político dende o remate da Guerra Civil ata a Transición é unha carta inédita que lle remite desde Lugo Ramón Piñeiro a Xosé Ramón e Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey. A misiva reflicte a estratexia de Piñeiro, que dende un primeiro momento defendeu o factor cultural como elemento identitario do galeguismo e a restauración monárquica como saída á ditadura.

A mensaxe foi escrita o día de Reis de 1940. O filósofo lancarés comunícalle ao expresidente do Partido Galeguista en Lugo, desterrado por entón en Estremadura, as novas da terra e as peripecias vitais de varios lucenses que compartiron militancia con Ben-Cho-Shey durante a súa estadía na cidade e aos que non volveu ver dende o comezo do seu desterro no ano 1937. Fernández Oxea só puido regresar uns días a Galicia, en concreto ao seu Ourense natal, no verán de 1939. Non sabía se moitos dos seus compañeiros estaban vivos ou mortos despois da guerra fratricida.

Nesta carta, enviada por «un conduto de enteira confianza», como esixían as precaucións propias da clandestinidade, Ramón Piñeiro lémbralle a Ben-Cho-Shey que Ánxel Fole «dá clases nunha academia». O escritor, que figura no primeiro lugar da relación, foi secretario do Partido Galeguista lucense na etapa republicana e, polo tanto, un home moi achegado a Fernández Oxea. Fole destacou nesa etapa polo seu activismo e por un espírito polemista evidenciado nas súas duras sátiras contra caciques lugueses da época. Outras liñas están dedicadas a Milucho Gil. O irmán do filántropo Álvaro Gil atopábase en Madrid estudando Ciencias Naturais. Posteriormente, dedicouse ao mundo dos negocios, como fixo o seu irmán despois de saír do campo de concentración da illa de San Simón. Outro galeguista que cubría a súa etapa de estudante, neste caso en Salamanca, era o boticario Antón Figueroa, sogro de Vicente Quiroga, rexedor na década dos oitenta. Foi o dono da farmacia da Rúa San Pedro, situada ao lado da casa consistorial.

Outro dos persoeiros citados na misiva é Servando Gómez Aller de la Vallina, que en 1940 traballaba na Caixa Rexional Galega. Aínda que ocupou cargos directivos no Instituto Social da Mariña (ISM) franquista, De la Vallina implicouse na actividade clandestina do galeguismo e formou parte do grupo que apoiou a corrente de Manuel Gómez Román, Enrique Peinador, Fernández del Riego e o propio Piñeiro na asemblea celebrada en Coruxo para reorganizar o Partido Galeguista. Gómez Román, que era secretario xeral en 1936, volveu ao cargo, aínda que foi Ramón Piñeiro o elixido para facer contactos e proselitismo por Galicia. Nesta asemblea xa agromou a confrontación entre a corrente partidaria da acción política e perfil nacionalista defendido polos exiliados, sector representado por Ramón Valenzuela, e a corrente cultural auspiciada polo grupo piñeirista, que apostaba pola vía cultural e aspiraba a galeguización dos partidos con vocación estatal.

Outro dos mencionados na cartá é Ramón Varela, que preparaba na posguerra oposicións a notarías. Exerceu como notario en Lugo, onde presidiu o Círculo das Artes, unha entidade que ten un notable fondo de libros en galego na súa biblioteca. Ramón Martínez López foi outro destacado galeguista relacionado con Lugo. En 1940 estaba en Francia e dispoñíase xa a marchar cara a Estados Unidos, «onde lle deron unha cátedra». Martínez López estivo de catedrático de Literatura no instituto masculino, no que ocupou o cargo de director. No seu domicilio lugués leu os seus seis poemas en galego o poeta granadino Federico García Lorca durante unha visita á cidade. Impartiu clase na universidad de Austin, en Texas. Tamén Jesús Bal y Gay «anda por Norteamérica», indica Piñeiro, ao referirse a un dos músicos lucenses máis ilustres.

En Vigo atopábase o lourencés Francisco Fernández del Riego. Estaba «traballando con Valentín», precisa o autor da misiva. Del Riego era pasante no despacho de avogados de Paz Andrade e redactor das revistas Industrias Pesqueras e Industrias Conserveras. Sempre mantivo unha colaboración estreita con Piñeiro e xogou un destacado papel na editorial Galaxia, unha das puntas de lanza do galeguismo cultural.

Fala tamén o escrito de Filgueira Valverde, «que foi trasladado... a Pontevedra»; e de Plácido Castro, «que está na Coruña». Este escritor e xornalista vivía daquelas en Muxía. No mesmo 1940 foi desterrado a máis de cen quilómetros e pasou a residir en Vigo, desde donde se exiliou a Inglaterra en 1949. Foi locutor da programación en galego que emitía a BBC. Era outro convencido anglófilo e representara a Galicia no Congreso de Nacionalidades Europeas celebrado no hotel Savoy de Berna en 1933.

A alusión de Piñeiro a Castelao denota o distanciamento que tiña co histórico líder do Partido Galeguista. «Castelao está en New York facendo debuxos de negros», comenta. As diferenzas fixéronse máis evidentes nas duras cartas que Castelao lle dedicou aos plantexamentos políticos de Piñeiro nos siguintes anos.

Fala o filósofo lancarés do ambiente político, «do que pouco se pode dicir». «Vivimos con gran tranquilidade, sen que ningúen nos moleste», engade. Este comentario resulta chocante nun home que, aínda que non estivera no punto de mira do aparato represivo, rematou no cárcere de Ocaña en 1946. Esta frase non agocha a dureza da represión sufrida por moitos galeguistas, algúns deles fusilados.

INICIATIVAS CULTURAIS. O segundo folio da carta céntrase nas iniciativas culturais. Alude Piñeiro á primeira reunión da Academia Galega despois da Guerra Civil. «Acordou reanudar a súa laboura», comenta entre interrogantes, «e continuar coa publicación do Diccionario». O Seminario de Estudos Galegos seguía pechado, «sen que haxa moitas posibilidades de que recobre axiña a súa actividade». «As Deputacións van editar o Cancioneiro Musical de Galicia», precisa. Lamenta que Ben-Cho-Shey non poida exercer como divulgador cultural. «É lástima que vostede non poida voltar para Galicia, xa que, de estar aquí, poderíase adicar de cheo aos traballos de investigación, único xeito de servir actualmente os intereses da cultura galega».

«Espero que non tardará en haber marxe para labourar con eficacia», manifesta este político aliñado coas estratexias anglófilas e que agardaba que a vitoria aliada cambiase a escena política española na Segunda Guerra Mundial. Piñeiro asevera que a volta da monarquía é o «único desenlace posible desta situación, traerá ao ambiente un ton de máis tolerancia e con iso xa se poden facer cousas serias». Este plantexamento de restauración monárquica na persoa do pretendiente don Juan, que viu rexeitada a súa petición de loitar no bando franquista, resultaba incluso incomprensible para moitos monárquicos en 1940. Aínda que estaba en consonancia co posicionamento do Goberno inglés, ninguén pode negar a a coherencia e a visión a longo prazo de Piñeiro. Este escrito deixa claro que xa antes de 1950, cando saíu do cárcere para instalarse nun piso do número 15 da rúa Xelmírez de Santiago, Ramón Piñeiro tiña forxado dende un principio o seu ideario baseado na democracia, galeguismo e europeísmo, ideas que hoxe semellan politicamente correctas, pero que eran perseguidas naqueles tempos escuros. Arredor da mesa camilla do seu domicilio fixeron tertulia ilustres escritores, como Borges, e numerosos políticos, desde o mozo Beiras, cando era O Principiño do galeguismo histórico, ou antigos franquistas como Antonio Rosón, prohome de UCD na Galicia preautonómica.

Que foi dos irmáns? (Carta inédita)
Comentarios