A que fillo lle queres máis?

O MOMENTO máis esclarecedor, e terrible, da guerra en Gaza chegou na terceira semana. Foi nese preciso instante, cando os Estados Unidos aprobaron un presuposto extraordinario de máis de douscentos millóns de dólares para reforzar a defensa de Israel cun complexo sistema composto de radares e baterías terrestres, que é capaz de detectar a dirección dun mísil e determinar se vai dirixido cara un centro de poboación. Todo un reto da moderna tecnoloxía aplicado á tarefa de salvar vidas humanas; máis concretamente vidas israelís. Porque nesa altura, onde se estaba a producir a masacre era no bando palestino. A cifra de vítimas palestinas xa se aproximaba a dúas mil, dos cales a maioría eran civís. Moitos deles morreran dentro de escolas e hospitais, supostamente protexidos pola bandeira da Onu. Os propios funcionarios internacionais, que estiveran diplomaticamente prudentes ao comezo do conflito, acabaron frustrados ante unha matanza desa magnitude. Un deles mesmo chorou, impotente, fronte ás cámaras. Mentres tanto, o congreso americano e o presidente Obama entraron en pequenos detalles de economía doméstica, para arranxar os cartos que precisaban na a defensa de Israel. Ata pensaron en recortar os gastos da loita contra os lumes forestais, tentando lograr a suma precisa.

Nun país tan amante da Biblia como son os Estados Unidos, costa crer que se esqueceran da lei de talión. Esta norma esixe que a vítima pague na mesma proporción do dano que fixo («ollo por ollo, dente por dente»). Pero nunca en exceso; semella unha norma salvaxe, pero ten ese matiz compasivo. No caso de Gaza nunca houbo equilibrio. Trátase dun conflito entre un Estado organizado e recoñecido internacionalmente, Israel, e unha poboación cun estatus político difícil de determinar. O mesmo estado xudeu que lle impide aos palestinos independizarse, tampouco os recoñece como colonia, nin moito menos como poboación con dereitos de cidadanía. Cando un neno palestino foi queimado vivo, as autoridades de Tel Aviv quitáronlle importancia e dixeron que fora cousa de radicais. Pouco despois ocorreu o incidente no que foron secuestrados e asasinados tres rapaces xudeus, e nesa altura Israel xurou vinganza. A aritmética non minte: por cada vítima civil no seu bando o estado israelí matou cen palestinos. Todo iso, en medio do silencio cómplice de Europa e o apoio americano. Malia xurar o cargo sobre o Antigo Testamento, Obama esqueceu o principio de proporción que predica o libro do Éxodo. Xa da caridade cristián do Sermón da Montaña (poñer a outra meixela), nin falar.

Comentarios