Que diría don Ramón?

DEIXANDO Á PARTE a miña fobia ao avión, que xa se sabe que para chegar á China hai moitas horas de voo, eu non iría nunca a un país no que o can é un alimento habitual. Non me abonda con saber que hai restaurantes que non o serven. Só a idea dun encontro casual cunha carnicería a exhibir o animaliño esfolado cal cabrito, provócame arcadas. Ora ben, en ningún caso se me ocorrería afearlles aos chineses os seus costumes gastronómicos porque entendo que no noso caso se trata dun tabú que para eles non existe. Por iso comprendo ao rapaz musulmán de La Línea de la Concepción que lle pediu ao seu profesor que non seguise a falar do xamón de Trevélez. Comprendo o seu noxo, mais non a que montaron el e a súa familia. É evidente que non viven con inseguridade a súa condición de inmigrantes e por iso se atreven ao que se atreven. Iso fala a favor de nós, mais pon de manifesto que eles aínda non entenderon en que país están. Alguén debería dicírllelo. Non faltaría máis que tivésemos que renunciar á nosa cultura e asimilar a deles. A deles, levada ao extremo como fixo Jomeini, non só inclúe ao porco entre as once cousas impuras, senón tamén ao home e á muller non musulmáns. Mais non todos os musulmáns son integristas e o triste é que estas cousas proporcionan argumentos a unha crecente xenofobia, mesmo alentada desde certos partidos políticos e tertulias televisivas e radiofónicas afíns a estes.

Sorte para nós que o precepto que Mahoma tomou do Levítico, e cuxa orixe algúns xustifican pola triquinose, non nos chegase vía cristianismo. Se así for, practicantes ou non, teríamos reparos á hora de catar manxar tan exquisito. Seguramente non existe alimento no mundo que fose obxecto dunha oda máis laudatoria que a que lle fixo don Ramón Otero Pedraio, por iso a el me remito. Vinte e sete pares de versos seguidos do retrouso ‘xamón’ dos que extraio algúns dos sintagmas que o autor lle dedica ao pernil dianteiro do animal: ‘Frol da invernía, sona da casa, lapa da carne’. ‘Gracia e potencia, rosa do pote’. ‘Rei da lareira, carne petrucia’. ‘Febra xugosa, rica canteira onde se curtan ricos poliedros’. ‘Para gabarte cantou Homero, brilas no hexámetro, manxar heroico’.

Sabemos, por testemuño de Manuel María, que don Ramón adoitaba comelo á merenda e que nunha ocasión en que o poeta rexeitaba o seu convite a acompañalo por vir farto dunha celebración, o de Trasalba insistiu con este argumento: «Seguro que nunca escoitou vostede dicir de alguén que se empachara con xamón». Quen isto escribe dá fe de ter coñecido moitas persoas lonxevas que o tiveron como elemento fundamental na súa dieta.

Que diría don Ramón se lle contasen que, nunha aula de trinta rapaces, un, vido de fóra, pretendía que non se falase das excelencias do clima da Alpujarra para a curación do ‘jalufo’?

Comentarios