Qué caro sae o lixo!

Un dos problemas do rápido crecemento económico é o custo de cobrir necesidades sociais novas cos mesmos remedios que nas sociedades máis adiantadas. Copiar modelos e métodos doutros ten o custo engadido de se adaptar os deseños criados para outras necesidades. Así, no caso do lixo, pasamos de case non ter lixo nas nosas cidades, todas pequenas, en comparanza coas cidades europeas, a recoller lixo co mesmo modelo das grandes urbes, metrópoles ou grandes conglomerados urbanos. Pasamos de non destragar case que nada a tirar con case todo, e foise criando o mesmo tempo a recollida ‘moderna’ de residuos e a gran cantidade de refugallos. Todo adubiado coa conseguinte propaganda da reciclaxe e recollida selectiva. O caso é que, coñecidos os procesos empresariais de tratamento do lixo, o conto do reciclado soa a gaita celestial.

Se comezamos pola produción de lixo, observamos como neste apartado é moito o que se pode avanzar eliminando na orixe o residuo. Os residuos domésticos recollidos a diario son nomeadamente orgánicos, e o volume dilatado destes refugallos débese maiormente aos envases en que se conteñen os alimentos consumidos a diario. Afixémonos a compras que rematan nunha autentica orxía de refugallos. Hai veces que abultan máis as desfeitas que o contido. O saquiños plásticos, os envases plásticos dos líquidos, as barquetas de polímeros estruchados, os envases de cartón por riba do plástico, e finalmente a bolsa plástica (que cinicamente cobran) son materiais desbotábeis, que na propaganda oficial publicítanse para reciclar.

O chamado proceso de recuperación soa igual que a gaita de máis arriba, mais non houbo explicación política algunha do método que padecemos e que, silandeiramente, foise implantando como se se tratase do único posíbel, do máis moderno, civilizado… Mais as aparencias de limpeza non se corresponden coa realidade. O concello lucense paga o ano 8 millóns de euros a Urbaser pola recollida de lixo e demais obrigas que figuran no contrato. 8 millóns: custa pouco dicilo, pero custa un pouco gañalos e outro pouco arrecadalos. Que unha empresa privada (lembremos: as empresas privadas existen se obteñen beneficios), estea interesada en semellante contrato significa que é un grande negocio, ou cando menos un negocio interesante.

Cada vivenda lucense paga 86,52 euros/ano, só pola recollida de lixo. Hai 50.086 vivendas en Lugo. Se todas pagasen, o Concello recibiría un ingreso de 4.333.440,72 euros ano. Como hai tamén (dados censais) 12.370 vivendas baleiras, e nas rurais que non teñen abastecemento de auga non se paga, é probábel que a recadación municipal non acade esa cifra arriba indicada. Non será demasiado caro o noso lixo? Non poderíamos axeitar os nosos usos a unha ‘orxía’ de lixo mais barata? Poderíamos, por exemplo seguir un modelo holandés (que non semella atrasado): non hai recollida de lixo a diario. Así mesmo, guiarnos por un modelo xaponés: é o pobo do mundo mais aforrador en materiais, pois tanto o papel, metal, cartón, madeira… son reutilizados até que non serven. E nós, soberbos luxadores, precisamos recollida até os domingos.

Comentarios