lunes. 18.01.2021 |
El tiempo
lunes. 18.01.2021
El tiempo

Púrpura

Raio na costa de Lugo / FOTO: José Mª Álvez

HAI DÍAS NOS que o ceo adopta un aspecto bíblico. Estás mirando o horizonte, coas nubes tristonas colgadas no fondo do outono, e, inadvertidamente, as cores cambian de cor. Ás veces, o ceo vira a un violeta solemne e cardenalicio, como se nos culpase dos nosos pecados agnósticos. Álvez Jr. fotografou ese clima ético sobre o mar de Burela. Aquela mañá o ceo era un estado do ánimo indignado que estourou colericamente nunha fenda de luz. «Coñecemos as nosas caras, pero non os nosos corazóns», advirte o Ricardo III de Shakespeare. Nós coñeciamos as caras dos nosos gobernantes, tanto dos políticos como dos económicos e sindicais, pero non sabiamos do negror que apodrecía os corazóns de moitos. Unha boa parte da cidadanía quedou nestes anos desprotexida e á deriva no medio do mar sobre o que descargaba a treboada. Ao tempo, unha minoría saciaba a súa avaricia nun asalto ansioso ao erario público. O ceo púxose violáceo sobre o mar de Burela hai uns días, como se viñese de formar un círculo de Podemos. Nos Estados Unidos dos anos 70 medrou a onda dos Weather Report Men cando os mozos perdían a felicidade e a vida en Vietnam. Os Homes do Tempo non eran asamblearios nin dialogantes. Desapareceron ao chegar a paz, logo de que se apagasen os incendios no ceo sobre as selvas, segundo amainou a tormenta.

Púrpura
Comentarios