Publicidade enganosa

NOS ÚLTIMOS días varias empresas do grupo que os seus propietarios principais, a familia Ruiz Mateos, denominaba Nova Rumasa, acolléronse á situación preconcursal, para tratar de negociar e evitar a súa suspensión de pagos.

Entre os afectados por esta situación atópanse os empregados destas empresas, os provedores que acumulan atrasos e dificultades de cobro, a Seguridade Social e Facenda, algunhas entidades financeiras e preto de 5 mil persoas que adquiriran pagarés e accións destas empresas.

Ata hai unhas semanas este grupo viña ofrecendo mediante numerosos anuncios na prensa e na televisión a adquisición de pagarés cunha rendibilidade moi elevada co obxecto de adquirir novas empresas e xerar máis emprego.

Esta publicidade non se correspondía coa realidade. Non había tal grupo empresarial, senón unhas empresas que pertencían á mesma familia de propietarios, nin tampouco había probas solventes sobre o valor do seu patrimonio. Ofertábase a adquisición primeiro duns pagarés e logo de accións sen unhas garantías públicas coñecidas, pois non había contas económicas do suposto grupo, senón unha información dispersa e atrasada das empresas e a emisión non estaba rexistrada ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores. Ademais os fondos recadados por esta vía non parecen terse dedicado a novas adquisicións de empresas senón a reducir a débeda existente e a transferirse como préstamos a outras empresas deste suposto grupo.

Era unha estratexia empresarial moi arriscada que estaba baseada en adquisicións recentes de empresas, realizadas con escasos recursos, que se trataban de ampliar por medio desas emisións de débeda. Estes foron os casos da empresa láctea Clesa, a de queixos O Caserío, ou a de conservas vexetais Carcesa, obtidas en situacións de empresas en crise ou de vendas de multinacionais que se retiraban do noso mercado. Era unha estratexia que mesmo trataron de ampliar cos intentos de adquisición da fábrica de Pascual en Lugo e a empresa Sos de arroces e aceites.

Os riscos destas operacións de débeda foron postos de manifesto por varias advertencias da Comisión Nacional do Mercado de Valores e ata cun cambio de normativa desas emisións de débeda por parte do Goberno. Con todo, o efecto da publicidade, a confianza dos investidores ou a cobiza por obter unha elevada rendibilidade parecen pesar máis nas persoas que adquiriron eses produtos.

As notas explicativas da Comisión do Mercado de Valores teñen unha difusión moi restrinxida e ademais están escritas cuns termos moi técnicos fronte a unha campaña masiva de publicidade, que pode ser moi atractiva tanto pola rendibilidade anunciada como polas imaxes das empresas.

Nun artigo publicado no Progreso a finais do ano 2009 alertaba sobre a necesidade de facer fronte a esa publicidade enganosa para evitar os prexuízos actuais. Entendo que se debera ter velado máis polo cumprimento das normas publicitarias, non só no que compete á Administración, senón tamén ao propio sector da publicidade.

Comentarios