Providencialismo

En 1941, unha imponente manifestación recorreu as ruas de Madrid, en contra de Rusia, que acababa de ser invadida polas tropas alemanas. Ao pasar a afervoada comitiva pola rua de Alcalá, onde se ubicaba a sé do partido único, o Movimento Nacional, o ministro Serrano Suñer acendeu as masas cun importante discurso, que recolle a sonada e repetida frase «Rusia es culpable!», debullando a seguir todas as inculpacións que o réxime, entregado á causa nazi, lle atribuia á Unión Soviética. Naturalmente despois de case tres cuartos de século, vivimos noutro mundo, pero é o certo que estes días e semanas, cunha opinión pública aterrorizada por unha banda, falta de explicacións solventes e creibles pola outra, e con tendencia a agardar un providencial miragre, non sería inexplicable que o mesmo grito endireitado a Alemaña non fora maioritariamente coreado. Pero que a xente se deixe levar, nun xeito de vaivén, salferindo culpas e responsabilidades, nada ten que ver coa actitude gobernamental, realmente fomentadora deste tipo de actitudes. Unhas veces é a canciller xermana, outras o presidente do Banco Central Europeo, ás veces o comisario Almunia, e outros varios que non entran na panoplia propagandística quizais porque son nomes difíciles de pronunciar. Ben está, se está ben, percurar responsabilidades e criticar actuacións, pero quizais conviña reparar previamente nas propias.

Obsérvese que se cita a eito a burbulla inmobiliaria, pero non se explica de onde ven e qué goberno optou por unha modificación abisal da Lei do Solo, que levou a construir o triple do preciso. E tampouco da actuación da banca e o tolo camiño cara o abismo que emprendeu. E por suposto omítense os nomes de aqueles artífices, os señores Aznar e Rato. Pola contra subliñase unha e outra vez a etapa do anterior presidente do goberno, sen dúbida con responsabilidades, pero que depurou coa evidente e palmaria derrota electoral. Pola contra, ainda estamos agardando polas salutíferas solucións prometidas, cuxa única virtualidade foi asoleirar o camiño ao pazo da Moncloa.

E, por suposto, compriría tamén reparar nas alegrías de varias administracións e baixo variados gobernos: tres universidades e tres aeroportos, e outros tantos portos, nun país tan pequeno como Galiza, demandas de estacións do Ave como se foran apeadeiros de Feve, administracións locais con rexedores convencidos do seu carácter providencial que son realmente uns vertoláns gastadores do que non teñen, sociedades de variada pelaxe investindo estratexicamente en reconstruir hórreos. E un nivel de fraude fiscal esaxerado a pesar do rol de inspectores desa nave que se chama Facenda. Con todo isto, non é nada raro que pasase desapercibida a nova de que nun ‘pueblín’ os poucos veciños aportasen por casa seiscentos euros para contratar algo realmente importante nestes tempos que se adiviñan de escaseza: as duas orquestras máis estrondantes e caras da múltiple oferta que na materia ofrece este noso país.

Comentarios