A Protectora de Animais será acusación particular no caso dos cans tirados ó río en Sarria

Unha avogada luguesa representará á entidade de forma gratuíta na causa aberta contra unha veciña de Sarria

A Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo anunciou este sábado que se presentará como acusación particular na causa aberta contra a veciña de Sarria que presuntamente tirou ó río unha ducia de cadelos o pasado mes de xullo na zona de Céltigos.

A xunta directiva da Sociedade Protectora mantivo xa un encontro no seu despacho coa avogada luguesa Almudena Blanco Lourés, que será a súa representante neste procedemento de xeito gratuíto e á que lle entregará nos vindeiros días toda a documentación precisa para que inicie os trámites correspondentes no xulgado sarriao.

PESCADORES. O suceso coñeceuse cando dous pescadores rescataron do río os animais e comunicaron o sucedido á Policía Local que, á súa vez, solicitou a intervención da Sociedade Protectora para facerse cargo dos cans. Malia que foron atendidos no hospital veterinario universitario Rof Codina, todos os membros da camada morreron.

Por estes feitos, e froito da colaboración entre cidadáns, veterinarios e axentes da Garda Civil, foi posta a disposición xudicial o pasado mes de outubro unha veciña de Sarria de 44 anos de idade, que negou ser a autora deste presunto delito de maltrato animal.

A Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo lamentou que «personas próximas a la presunta responsable de arrojar los cachorros vivos al río argumentaran públicamente en su defensa que ese proceder ‘se haya hecho siempre’, por lo que debía ser considerado algo ‘normal’».

Comentarios