Prosperidade dentro do rural begontés

Son varias as empresas que ven na parroquia de Pacios un espazo idóneo para as actividades que desenvolven, dende o cultivo de froita ata a minaría. Iso non resulta incompatible coa tranquilidade que se respira, como boa aldea chairega que é.

Pola autovía A-6 ou pola A-8, preto de Baamonde, non resulta difícil distinguir un extenso manto que resplandece co brillo do sol. Trátase dos invernadoiros de Pacios, que en case 31 hectáreas acumulan toneladas de froita directas para exportar. Amorodos, framboesas, moras e arandos son cultivados por máis de 100 traballadores, 35 deles da comarca e os demais chegados, na súa maioría, dende Rumanía. "Decidimos alugar ese terreo porque estaba parado e, deste xeito, asegurámonos de que produza algo", afirma Cándida Alvariño, presidenta da Comunidade de Montes de Pacios.

Pero non é a única entidade veciñal que existe na parroquia, xa que no lugar de Carballido algo máis de 30 socios "nos encargamos de proxectos comúns, como a rehabilitación da antiga escola", comenta a súa presidenta, María Jesús Lorenzo.

O certo é que Pacios ten unha morea de actividades que ofrecer, con dous campos de fútbol -un de menores dimensións ca o outro-, unha zona na que se asenta a empresa mineira Erimsa, unha pequena panadaría, un desguace, un taller, dous establecementos hostaleiros con sona, unha empresa de aventura e ocio ou un clube de aeromodelismo, son algúns dos proxectos que se levantaron nunha parroquia cun próspero futuro, "un espazo realmente privilexiado", tal e como din algúns.

Comentarios