jueves. 20.02.2020 |
El tiempo
jueves. 20.02.2020
El tiempo

Prosas xacobeas

A Asociación de Críticos Literarios Españoles, a través da Sección de Crítica da AELG, concedía en 2009 o seu premio na modalidade de narrativa á novela Festina lente, de Marcos S. Calveiro. Ambientada na Compostela dos séculos XVI e XVII, pola que transita unha galería de personaxes tanto reais como de ficción -Gaspar de Arce, Francisco González Araúxo ou Mateu Lopes-, a obra narra as aventuras do aprendiz de encadernador Ambrosio Cavaleiro e do cobizado códice cos lavancos. Entre os comentarios suscitados pola obra, que recibiu tamén o premio Irmandade do Libro, figuraban aqueles que a enmarcaban na novela histórica e que gababan o labor de documentación, a capacidade para reconstruír a Compostela do momento ou a traballada linguaxe. Non faltou, no entanto, quen apreciou a proximidade argumental con algún best-seller de sona no relativo a motivos como a desaparición dun códice, os asasinatos misteriosos e outros enigmas.

A realidade constitúe ás veces, como é sabido, unha das fontes máis sofisticadas da ficción. A lembranza de Festina lente e doutras narracións arredor de libros perdidos veume á cabeza ao ler con incredulidade a noticia do roubo do Códice Calixtino custodiado na catedral compostelá. A desaparición da valiosísima e emblemática peza constitúe un fío do que tirar nunha narración detectivesca que, debidamente desenvolvida, mesmo podería (re)iniciar un novo ciclo de ‘prosa xacobea’ con interesantes beneficios no plano económico. A cámara de seguridade na que se custodiaba, as chaves que non foron subtraídas da pechadura ou a sospeitas sobre un roubo perpetrado con precisión por encargo dun coleccionista constitúen elementos ben axeitados para o xénero. Máis deslucidas resultan para o caso outras declaracións aparecidas tamén no aluvión informativo destes días, como a que estende a posíbel sospeita a «alguén que pasase por alí».

Brincadeiras á parte, cómpre non esquecer que o roubo do Códice Calixtino supón unha perda de dimensións incalculábeis. A desaparición dunha peza de tal valor deixa ademais abertos algúns interrogantes sobre a seguridade dos tesouros máis prezados do noso patrimonio histórico e artístico. As medidas adoptadas a raíz do último Xacobeo para salvar a cidade do terrorismo infiel, ou o extremo e incómodo estado policial instaurado a raíz da visita do Papa á cidade, por citarmos dous exemplos recentes e non exentos de críticas, semellan non ser suficientes para evitar o que algún titular sensacionalista xa cualificou como ‘o roubo do século’ nunha Compostela ben máis chea de mercadoría que a da novela de Calveiro, e nunha Galicia incapaz de garantir a conservación do seu patrimonio, non xa o museístico obxecto esta vez do furto, senón tamén o esquecido, vítima tantas outras da ruína e o espolio.

Prosas xacobeas
Comentarios