A propósito dos eólicos

A produción de enerxías alternativas son unhas novas actividades establecidas nas áreas rurais, das que deberan saír beneficiadas. Polo momento é a enerxía eólica, pero no futuro tamén o serán a fotovoltaica e a procedente da biomasa.

 

Pero ata agora foron mínimos os beneficios desta actividade enerxética para as zonas rurais. O prezo pagado pola adquisición ou arrendamento das terras estivo baseado na maior parte dos casos no seu valor como solos rústicos, aproveitándose da normativa de expropiación forzosa. Había unha notable contradición, pois as terras se expropiaban pola súa posición privilexiada para producir enerxía e recibían un baixo valor debido a súa menor produtividade agraria por estar no cumio dos montes, que era cinco ou seis veces inferior ao que terían si a valoración se baseara en criterios máis obxectivos como o pon de manifesto un estudo recente. Esta situación contrasta coa doutras zonas que coñezo como no sur de Cádiz, onde os parques están implantados en zonas de explotacións agrícolas, sendo as súas rendas reforzadas por esta nova actividade.

 

Os pago das licencias municipais tamén foron reducidos por non incluír o valor do investimento senón o das obras realizadas e o imposto dos beneficios xerados pola enerxía emigra ao territorio onde esta localizada a sede social da empresa propietaria.

 

O número de postos de traballo xerados pola súa explotación, unha vez rematada a fase de execución, tamén son baixos por ter unhas necesidades moi reducidas de control.

 

Os parques en explotación, todos adxudicados no período de gobernos de Fraga, teñen unha potencia duns 3.100 megawatios, que grazas ao réxime de tarifas de que gozan son investimentos de mínimo risco e duns bos beneficios asegurados durante a súa vida útil.Segundo os datos que manexan os especialistas son duns 25 a 30 mil euros anuais por megawatio. Deste modo coa potencia xa instalada poden estar saíndo uns beneficios anuais duns 77 a 90 millóns de euros.

 

Por iso foi sorprendente que ao longo dunha etapa de goberno ben dilatada do Partido Popular non se tomara ningunha medida impositiva ou compensatoria sobre esta actividade, cando ese goberno era un espectador privilexiado dos manexos desas concesións e das súas vendas con notables plusvalías a outras empresas, ás veces sen ter comezado os traballos de instalación.

 

O goberno bipartito, ou máis propiamente unha consellería nacionalista, cambiou o procedemento anterior por outro notablemente máis obxectivo, aínda que non deixaba de ter algunhas limitacións evidentes. Nese novo proceso se primaban a cesión de participacións de capital á Xunta e outros proxectos industriais a desenvolver polos adxudicatarios. Despois dun proceso certamente ‘sui-xeneris’ deixou uns resultados interesantes cunha maioría das concesións a capitais galegos, ligados a cooperativas agrarias, empresas conserveiras, ás dúas Caixas de Aforros e outros.

 

Houberan sido posibles outros sistemas mellores como a participación directa coa constitución dunha empresa pública, pero foi un adianto sobre anterior de Fraga. Agora volta o goberno Feijóo a darlle unha volta atrás e moito me temo que para peor.

Comentarios