''A propiedade aquí é complicada, pero iso pode ser unha fortaleza''

Rafael Crecente Maseda, en su despacho del Cactus
photo_camera Rafael Crecente Maseda, en su despacho del Cactus

Rafael Crecente Maseda dirixe o Laboratorio do Territorio da Universidade de Santiago, ubicado en Lugo, do que saíron ferramentas como o Sitegal para a xestión do banco de terras, entre outras. Del nace un máster que parte da análise do territorio para chegar ao desenvolvemento sostible.


O Máster vai pola segunda edición e espertou o interese do director xeral de Agriculta da UE, José Manuel Silva, que terá unha participación estable como poñente.

Cal é o obxectivo deste máster?

Pretende, por unha parte, atender as especifidades e necesidades de Galicia, e tamén a situación de crise multinivel e multitema: enerxética, alimentaria, financieira... Trátase de deseñar e desenvolver estratexias que respondan a esa situación a partir dos recursos e do enfoque territorial, que é ver cales son os recursos e as potencialidades do territorio galego.

Inspírase noutras iniciativas?

Inspirámonos nun máster da Universidade Técnica de Munich, e outro da Universidade Winsconsin-Mandison sobre planeamento, tanto porque eu fixen estadías alí como porque profesores dalí fixeron estadías aquí; e tamén nos cambios que se introduciron na Wagenigen University&Research, de Holanda, que de ser unha universidade moi focalizada no agrícola evoluíu a unha universidade que oferta moitos outros enfoques de xestión do territorio.

Como é ese enfoque?

A terra como recurso natural é a base de partida para transformar terra en territorio, un conxunto de actividades que pretenden a mellor organización dos recursos naturais, da sociedade que os xestiona e das regras que determinan a súa utilización. E no que se refire a Galicia cun foco moi intenso nesas condicións tan singulares de propiedade e como conciliar ese interese individual cos usos e intereses colectivos. Aquí somos moitos propietarios, que por unha parte é bo, pero por outra parte é difícil de xestionar.

Un plantexamento bastante complicado na realidade galega.

Non é un problema, é unha característica. É un problema para certos modelos, pero ao mellor é unha oportunidade para outros. Na nosa actividade investigadora con outros países europeos estamos vendo enfoques territoriais integrados, considerando non só unha actividade, que é o que tradicionalmente se veu facendo. Hai que ver o territorio que hai, que se pode facer, como organizalo de maneira que sexa máis resistente e máis capaz de acometer as condicións de crise, de fraxilidade, de incerteza nas que estamos.

Por iso o máster engloba o económico, o cultural...

Engloba primeiro desenvolver capacidades nos alumnos para que poidan ler e entender o que temos e a súa problemática, e ver a partir diso que posibles solucións aí.

Como lles foi aos primeiros titulados?

Houbo xente que antes de rematar atopou traballo, que é algo que nos ten moi contentos.

Cales son as saídas profesionais?

Algún deles vaise vencellar ao programa de doutoramento que imos facer o ano que vén como continuación do máster, outra xente entrou a traballar en empresas, outros contratados na administración, e outros quedan no grupo.

Cal é o perfil dos estudantes?

Temos alumnos de once titulacións diferentes e cinco países distintos. O ano pasado fixeron unha estadía de dez días con alumnos de universidades portuguesas, holandesas, búlgaras e ata chinesas en Aveiro. Esa interacción e verse expostos a problemas reais resultoulles moi interesante. E é algo que imos ofertar este ano outra vez. A distinción da escola de Lugo é que aquí usamos fundamentalmente tecnoloxía de información xeográfica. Sustitúese a tecnoloxía do cabalo de vapor do tractor pola tecnoloxía da información xeoespacial. O punto débil é que tocar tantas cousas nun so ano non é fácil. Os americanos teñen unha figura, o planner, que é unha persoa que traballa con especialistas en urbanismo, agricultura, turismo e é capaz de comunicar con eles, pero non pode saber de todo.

Sería esa a figura que se tenta formar no máster? É útil nese país?

Si, un xestor de territorio. Os planners contribuiron a mellorar, e necesitaríamos ese enfoque aquí. Agora fálase dunha nova lei do solo. Levamos varias que fallan sistematicamente, na miña opinión porque sempre se abordan desde o mesmo enfoque. A lei ten que considerar outras cuestións, o urbano e o rústico, non centrándose só no fenómeno construtivo, a terra pode ter outras utilidades.

Cara onde debe tirar a ordenación do territorio?

Non hai recetas. Galicia é moi diversa. Hai quen di que somos moi complicados, pero iso é unha fortaleza, porque supón que tes moitas posibilidades de resposta partindo de situacións diferentes. Iso fai o traballo máis complexo, pero tamén máis interesante.

Como axuda a solucionar esta multicrise ordenar o territorio?

Deberíamos atender as características da propiedade, esa capa que subxace e que condiciona todo. Faríanos más efectivos para combater os lumes, o abandono, a urbanización difusa, a contaminación, porque no caso de Galicia teñen un denominador común: a xestión da propiedade, e aí pretendemos aportar algo.

Comentarios