Promagal prepara a saída de madeira en barco cara ao mercado asiático

O colectivo pídelles unión ás asociacións de produtores da Mariña fronte a acordos en solitario coa empresa Ence
Carga de madeira nun monte mariñano.
photo_camera Carga de madeira nun monte mariñano.

A Asociación de Produtores de Madeira de Galicia (Promagal), que reúne a colectivos de propietarios forestais da Mariña e Ortegal, celebrou unha reunión na que acordaron «poñer os medios» para sacar á venta de forma conxunta o próximo ano unha «importante» cantidade de madeira. Farano «nunha especie de lonxa» e cun prezo igual, previamente pactado, para tódolos socios que participen, segundo indicou o presidente, Ramón Reimunde, que pretende con esta iniciativa «abrir o mercado exterior con barcos grandes para Asia».

Nesta mesma xuntanza acordaron solicitar unha reunión coa conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, para falar das pragas do goníptero e da vespa velutina, co obxecto de que as combatan «cos debidos medios e presuposto, non con evasivas, retardos e manobras de distracción como até agora», dixo Reimunde.

Promagal tamén quixo comentar o anuncio por parte de Ence da creación dun couto redondo para a compra de 4.000 toneladas de madeira en colaboración coa Asociación Forestal da Mariña, un colectivo que a xuízo de Reimunde «é unha asociación forestal fantasma que parece estar constituída por unha ducia de propietarios de montes que venden exclusivamente a unha empresa que só traballa para Ence».

Ramón Reimunde reivindica o traballo dunha década para a creación das «14 verdadeiras asociacións rexistradas na Mariña» e invítaas a avanzar unidas. «Para encontrar un equilibrio entre un xigante consumidor [Ence] e milleiros de ananos produtores, non hai outra estratexia máis que unirse e organizarse, constituíndo unha agrupación de asociacións que negocien conxuntamente un prezo xusto e igual para todos os socios, sen protagonismos persoais nin localismos».

O presidente de Promagal di que Ence quixo negociar acordos por separado con cada asociación e contratos individuais cos seus socios, pero anima «a non seguir ese xogo onde sempre gaña un e nos engana con novas tarifas imposibles, subas falsas e coutos redondos aos que se poñen todo tipo de trabas e papeleos».

Comentarios