Profundo pesar en los distintos estamentos gallegos por la muerte de Fernández del Riego

Os estamentos político e cultural de Galicia recibiron a noticia do pasamento de Francisco Fernández del Riego con gran pesar. Un dos primeiros en pronunciarse sobre a morte do escritor e intelectual galeguista foi o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que resaltou a súa figura como "un dos últimos grandes vínculos co primeiro grupo Nós" e como un dos principais impulsores do Día das Letras Galegas.

A presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, tamén lamentou a triste nova e definiu a Fernández del Riego como "un galego exemplar ao que lle debemos eterna gratitude polo seu traballo a favor da lingua e da cultura de Galicia". Desde o BNG tamén expresaron a súa dor polo falecemento dun "dos grandes persoeiros da cultura galega, un defensor imprescindible da lingua e da cultura de Galicia.

Por parte dos socialistas galegos, foi o seu líder, Pachi Vázquez, o encargado de expresar as condolencias á familia do finado e de recoñecer a súa contribución á defensa e promoción da lingua, das letras e da cultura de Galicia.

Loito en Lourenzá, tristura no CCG
Pola súa banda, o alcalde de Vilanova de Lourenzá, localidade natal do intelectual, considerou unha "gran perda" o pasamento. Vidal Martínez-Sierra anunciou "tres días de loito" nos que as bandeiras ondearán a media asta.

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, expresou en nome da institución a dor pola nova de Fernández del Riego, a quen definiu como un "exemplo a seguir". Máis alá da importante significación política, cultural, editorial e institucional, Villares destacou o seu papel como "gran valedor e pioneiro nas relacións entre a Galicia interior e a Galicia do exilio en América, coa que estableceu contacto directo e activo desde 1946".

Comentarios