Historia: Unha receita extraída dun libro do século XII

Produtos ecolóxicos galegos son a base dunha loción capilar da Ulloa

O novo artigo de Muuhlloa súmase á liña de cosméticos que sacou ao mercado hai un ano
Chusa Expósito, Marta Álvarez e Carmela Valiño, tres das socias de Muuhlloa, coa nova loción capilar
photo_camera Chusa Expósito, Marta Álvarez e Carmela Valiño, tres das socias de Muuhlloa, coa nova loción capilar

Unha receita baseada en escritos do século XII e ingredientes ecolóxicos galegos son a base para o novo produto de Muuhlloa, unha loción capilar.

Este novo artigo confirma o bo funcionamento da unión de Milhulloa e Granxas Maruxa, dúas empresas afincadas na Ulloa que xa uniran forzas no pasado para sacar os primeiros produtos cosméticos ecolóxicos feitos con leite.

Os ingredientes desta nova loción capilar son galegos e producidos por elas mesmas, menos o alcol, que o compran a outra empresa. En concreto utilizan "extracto alcólico de buxo, xarxa, ortiga, romeu, caiena e esencia de romeu", di Chusa Expósito, unha das responsables de Milhulloa. De cara ao final do ano, contan con substituír a caiena por pementos de Padrón, dos cales poden obter unha substancia similar á que obteñen da caiena.

Ao igual que fixeron co seu anterior produto, os ingredientes mestúranos nun laboratorio do Carballiño, na provincia de Ourense.

A idea de elaborar esta loción capilar xurdiu "dun libro que elaboramos no 2005", conta Expósito. Nesa publicación rexistraban numerosas plantas e remedios naturais vinculados á Ulloa e ao Camiño de Santiago. No libro recollían un pequeno texto no que se relataban "as virtudes pilíferas das follas de buxo".

A raíz dese texto, estas emprendedoras ulloanas viron a oportunidade de buscar, entre as plantas que cultivaban, se existían máis con virtudes similares ao buxo. Así foron engadindo á receita a xarxa, a ortiga, o romeu e a caiena.

Durante uns seis anos foron probando e mellorando o produto. Unha das persoas que probou a loción foi Marta Álvarez, unha das responsables de Granxa Maruxa, que, ante o bo resultado que lle estaba a dar, animou a Milhulloa a comercializar esta loción capilar, ao igual que xa fixeran antes co leite corporal, que sacaron á venda hai pouco máis dun ano.

Esta loción capilar "leva á venda un mes", di Expósito, e confirma a idea destas empresarias que se xuntaron en Muuhlloa para elaborar unha liña de produtos diferentes, con materias primas ecolóxicas e "100% galegas".

Comentarios