A produción de polos, contra as cordas

O VALOR da produción de polos en Galicia ascende a uns 250 millóns de euros, que equivale ao 13% da produción española. É realizada en explotacións e matadoiros moi especializados e dependentes desta produción, concentrada sobre todo nas provincias de Ourense, Pontevedra e Lugo, con case 4 mil empregos directos e outros tantos indirectos, principalmente nas actividades de fabricación de pensos e de transporte.

A produción de polos traballou desde hai varias décadas cunhas marxes moi axustadas para poder seguir sendo a carne máis barata, aínda que nos últimos anos os prezos ao consumo teñen unha considerable variación ao ampliarse a oferta a produtos máis elaborados e a despeces de maior prezo como as peitugas e coxas, quedando o polo enteiro como un produto básico.

Precisamente as principais cadeas de supermercados e hipermercados están utilizando nos últimos meses este produto como un reclamo para atraer aos consumidores aos seus establecementos, do mesmo xeito que o fixeran antes co leite envasado, o aceite ou o pan. Grazas ao poder de negociación que lles dá o seu gran tamaño logran comprar a moi baixo prezo unha parte importante da produción, á que aplican unha marxe de beneficio máis reducido para tratar de dar a sensación de que os seus establecementos ofrecen os produtos máis baratos e son os primeiros en velar pola economía dos consumidores. Na realidade a cesta da compra dunha familia que adquirise todos os produtos de alimentación neses establecementos non sería máis baixa porque as menores marxes cargadas nestes produtos utilizados como reclamo son compensados con outros maiores no resto das compras.

Deste xeito, as catro principais empresas da distribución alimentaria en España están vendendo o polo enteiro a 2 euros o quilo, por medio de poxas á baixa que organizan e controlan no seu propio beneficio ou por medio de vendas a perdas. De ambos modos están xerando unha crise severa nos produtores e industrias que dependen en exclusiva desta actividade, con prezos de venda que están un 20% por debaixo dos custos calculados no Observatorio de prezos do Ministerio de Agricultura.

A orixe desta situación provén do elevado nivel de concentración alcanzado polas principais empresas de distribución alimentaria, que entre as catro primeiras repártense a metade do mercado,pero tamén da falta de control destes abusos da competencia. O proxecto de lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, que actualmente está debaténdose no Congreso, vai ser difícil que poida solucionar estes problemas pola vía das boas prácticas voluntarias, tal como pretende, porque son situacións de abusos que desvirtúan as condicións da competencia do mercado que deberían ser prohibidas ou sancionadas.

Comentarios