Problemas cos vellos

É un tema xornalístico recorrente tratar dos problemas demográficos de Galiza como problemas derivados da existencia de moitos vellos e vellas.

Coa constatación da existencia dun grupo de moi idosos no noso país, oriéntase a solución con incentivos á natalidade ou con chamada á inmigración.

Nin compartimos o diagnóstico nin as solucións propostas.

A esperanza de vida ao nacer é un estatístico que indica a cantidade de anos que vivirá unha persoa nunha sociedade determinada. Esta medida dános a coñecer o benestar dunha poboación moito mellor que outras de natureza exclusivamente económicas como a renda per cápita. ¿Que significa que unha persoa sobrevive máis de 80 anos sen ter unha renda elevada? Pois que a vida que levou até ese momento era o suficientemente saudábel, nun medio harmonioso, que non se viu suxeita a mortalidade por enfermidade, por trauma ou por abandono indixente.

Só hai unha maneira de conseguir eses records de idade que temos na poboación galega: vivindo aquí, no país dos mil ríos, dos millenta bosques, dos centos de miles de accidentes xeográficos no interior e na costa. No país no que non acabamos de razoar coa ética capitalista. A chamada ambigüidade galega é un pouso filosófico de relativismo vital, humano.

Dixen mal; hai outra maneira de ser octoxenarios: ser xaponeses, pero quedannos algo lonxe para usalo de modelo.

¿Onde está o problema, xa que logo? Ao parecer, trátase da inactividade durante tantos anos, é cara, custa moito soster os vellos. Bonito razoamento. Só nos interesan os nenos para poñelos a producir, e, unha vez rematada a vida activa, que morran pronto, que temos moita présa e non son ‘rendíbeis’. A maneira explícita de argumentar o que hai detrás do chamado problema creado polo vellos deixa ben ás claras a brutalidade de analistas, agoireiros e pseudocientíficos. As medidas de política económica demográfica deberán estar ao servizo da poboación que temos e non adaptar a poboación ao modelo que se lle ocorra a un iluminado.

Hai aínda detrás das chamadas dos difusores do problema unha outra solución en carteira: por ás mulleres a pruducir infantes. Esta xa non a comento, porque no noso país homes e mulleres somos civilizados e non imaxinamos semellante atropelo. ¿Quen vai decidir ter un fillo por que lle prometan certa cantidade de diñeiro de premio? Quen, se non ten traballo, toma a decisión de ter unha criatura para pasar necesidades? Quen, se non goza dun entorno de certa estabilidade afectiva, se decide a ter descendencia porque nos xornais digan que é un problema a baixa natalidade?.

Os problemas demográficos non se solucionan con medidas demográficas. Só se arranxan cunha distribución da renda e do traballo que teña en conta a base demográfica do país e non á inversa. Os seres humanos precisamos da economía para ter mellor vida, non para darlle vida á economía.

Comentarios