Proba de laicismo

A visita do Papa Bento XVI a Compostela constituíu un teste de primeira magnitude para comprobarmos a posíbel laicidade e mesmo o cumprimento do mandato constitucional de aconfesionalidade nas nosas institucións públicas. Nin a primeira, ideal aínda que lonxe de alcanzarse, nin sequer a segunda foron neste caso tidas en conta. Ao contario, os máximos recursos públicos imaxinábeis foron postos polos gobernos galego e español, de maneira impropia co que se espera no século XXI, ao servizo dunha confesión relixiosa e do seu labor proselitista e pastoral.

Núñez Feijóo, que sempre tentou vender a imaxe de defensor acérrimo da redución do gasto público, quedou en evidencia, ao non ter reparo en utilizar moitos millóns de euros dos presupostos da Xunta, en plena crise económica, sufrida de maneira dramática por miles de galegos e galegas, sen que se vese un beneficio económico que os compensase. Malia todas as axudas publicitarias e mediáticas, Compostela non tivo máis de vinte mil visitantes en total, como se pode comprobar polas descritivas imaxes da TVG retransmitidas a todo o mundo. Por certo, menos que en calquera das tres peregrinacións laicas que houbo para asistir ás manifestacións en contra do decreto do galego, máis rendíbeis para a hostelaria compostelá, aínda que carecesen de apoios xenerosos por parte da Xunta.

E aínda por riba, en grande medida os que acudiron foron rapaces de colexios concertados e fregueses de parroquias de fóra da nosa Comunidade Autónoma. Non houbo unha presenza masiva de católicos galegos. Demostrouse a palpábel secularización da sociedade, a idade elevada dos practicantes --non proclives a viaxar-- e quizá o rexeitamento existente ás ideas do Papa Ratzinger por parte dos membros das comunidades cristiás de base. Máis que de anticlericalismo da II República ou ''laicismo agresivo'', habería que falar da real indiferenza das novas xeracións, ou en terminoloxía actual, de sociedade posmoderna e á vez posrelixiosa.

A xerarquía da Igrexa católica tería que reflexionar moi en serio sobre a súa doutrina presente e analizar se, por mor dela, non está quedando illada, ao ir na dirección contraria á do Concilio Vaticano II e a algúns valores da sociedade contemporánea. Tamén terá que andar con coidado cando organice actos de masas reevanxelizadores, para non se evidenciar con luz e taquígrafos a súa influencia social decrecente. Quizá nestes tempos nietzscheanos da morte de Deus iso xa non será posíbel. Porque tamén moitos crentes optarán por unha relixiosidade máis persoal e mística, menos proclive a oropeis, dogmas, xerarquías e intevencións políticas.

O fiasco da visita papal deixou en mal lugar a Núñez Feijóo, volcado no evento reevanxelizador ante a indiferenza xeral da poboación galega. Pretendendo un éxito de asistencia e a simbólica presenza do Pontífice como axudas á súa política conservadora, conseguiu que se patentizase o carácter rancio da súa proposta ideolóxica, atentaria cos principios laicistas, consubstanciais cunha democracia avanzada. Non puido quedar máis claro o exceso de privilexios que os poderes públicos outorgan á Igrexa católica, e que non responden ao sentir da sociedade. Liberdade relixiosa si, mais cun Estado e unhas institucións políticas que impulsen o laicismo.

Comentarios