A privatización do abastecemento de augas

NAS ÚLTIMAS décadas numerosos concellos teñen privatizado o servizo de abastecemento de augas mediante a concesión da súa xestión a unha empresa privada. Deste modo algo máis da metade dos municipios españois teñen privatizado este servizo, aínda que continúa sendo de xestión pública nalgúns dos máis grandes como Madrid, Zaragoza, Bilbao e Sevilla, así como A Coruña en Galicia, mentres que nalgúns de menor tamaño se realiza de modo mancomunado entre varios deles. Noutros casos mantense un carácter mixto mediante a creación dunha empresa pública e dando entrada nela ao capital privado.

Tense defendido en numerosas ocasións a súa privatización baseándose nunha suposta maior eficiencia dos servizos e actividades privatizadas, que aínda está por demostrar. Ao contrario, e aínda que os datos dispoñibles son limitados, os custos por habitante deste servizo son máis elevados baixo a xestión privada tanto no último Informe do Tribunal de Contas sobre a Administración Local como noutro da Universidade de Granada.

Hai casos de mala xestión dentro do ámbito público que necesitan ser corrixidos mediante o axeitado control da calidade do servizo prestado e a transparencia, pero a privatización non é a solución, sobre todo tendo en conta a experiencia existente sobre estas privatizacións en España. Na realidade non existe a necesaria competitividade entre empresas, xa que máis de tres cuartas partes deste negocio está controlado por dúas, que son Aquagest e Aqualia, que dependen respectivamente de Augas de Barcelona e da construtora Fomento de Construcións e Contrata (FCC). Un problema adicional é que na maioría dos casos a concesión realízase por períodos moi amplos de tempo de ata trinta anos, que fan moi difícil poder recuperar a concesión, debido ás duras cláusulas de rescisión existentes.

O mantemento da xestión pública é posible tamén nos concellos de menor tamaño se existen as políticas adecuadas de apoio ás infraestruturas a municipios e mancomunidades para garantir dende o público o abastecemento a todas as localidades por pequenas que sexan, unha cuestión que estivo descoidada en Galicia.

A estes problemas na privatización dos servizos de abastecemento de auga hai que engadir os existentes na súa concesión en varios municipios galegos. Segundo a información que está saíndo de procesos xudiciais en marcha parecen ter existido varias actividades irregulares por parte dunha empresa concesionaria, tanto na utilización de falsas ofertas para participar e ganar os concursos como en posibles subornos a responsables municipais.

Comentarios