"A presenza de Deus na poesía e na música está en primeiro plano"

Uxío García Amor, sacerdote homenaxeado polo Iescha ►O poemario 'Versos en mi vida', presentado en Vilalba, resume en primeira persoa boa parte da biografía dun home cunha traxectoria impecable, que en máis de 50 anos ao servizo da Igrexa antepuxo sempre os labores de axuda ao pobo á importancia dos seus diversos cargos
Uxío García sostén o seu poemario
photo_camera Uxío García sostén o seu poemario

PARA NOMEAR os cargos e logros que suma este sacerdote ao longo da súa vida necesitaríanse varias páxinas como esta. Desde que Uxío García Amor foi ordenado como sacerdote alá polo ano 1953 en Roma, este apaixoado do coñecemento non deixou de engrosar o seu currículum. Por facer algún apunte, licenciouse en Filosofía e Teoloxía pola Universidade Gregoriana de Roma, foi mestre de capela na catedral de Mondoñedo ou secretario xeral do Bispado mindoniense, aínda que a él o que sempre lle gustou foi ser párroco en aldeas pequenas para poder axudar a todos os veciños do rural.

Vén de presentar en Vilalba o seu poemario ‘Versos en mi vida’. Que supón a poesía para vostede?

A poesía é unha maneira de expresar os meus sentimentos, aínda que sexa de forma ocasional, xa que nunca me adiquei en profundidade aos versos.

Que conta esta obra?

Este libro está feito ao longo de moitos anos. Representa o meu itinerario biográfico. Fun seguindo diversos momentos da miña vida a través dos meus poemas.

É fácil expresar as vivencias persoais a través de poemas que retratan partes da propia vida?

Non é nada fácil. En primeiro lugar hai que sentir o que se está escribindo, e despois escribilo. Ademais, como comentaba antes, a literatura é algo ocasional para min.

Alomenos gozará cando se senta a escribir.

Non crea que son moi apaixoado. O libro está publicado case máis por compromisos persoais.

Hai algún poema ou algunha época que recorde con especial ledicia?

Un poemiña que escribín hai xa moitos anos, cando estaba en Roma no 1946. Ese poema, ‘La rosa y la estrella’, é especial porque un pintor que recibiu o meu libro compuxo un cadro a partir dos versos desta poesía.

Imaxino que esa fase súa da xuventude vivida en Roma tamén influirá para que lle garde agarimo.

Si, foi unha boa época. Podemos dicir que foron anos moi intensos na miña vida.

A presentación do libro estivo incluída dentro da homenaxe que lle fixo o Instituto de Estudios Chairegos, que o nomeou socio de honra. Está agradecido por esta distinción?

Sen dúbida algunha. Realmente, eu non lle prestei ningún servizo ao Iescha e eles regálanme este galardón. Estou moi agradecido.

Pero non é a primeira vez que o distinguen na comarca. Algo bo tería que facer.

Insisto no meu agradecemento porque creo que non fixen nada meritorio para tal distinción.

O seu currículum está plagado de diversos cargos importantes. Hai algunha época da súa vida que recorde con especial paixón?

Os cargos foron de servizo a nivel de diocese. Vicario xeral, delegado... Pero na miña vida o que me gustou sempre foi estar coa xente da aldea, ao servizo de parroquias rurais.

Que é o que bota de menos?

O contacto persoal coa xente. Naquel momento o sacerdote prestaba servizo pastoral, pero no mundo rural levaba a iniciativa de moitas cousas; a nivel social, cultural... Mantívenme nesa vocación tanto tempo como foi posible, pero os anos foron pasando.

Por que se perdeu ese contacto máis cercano dos sacerdotes coa xente das aldeas?

A iniciativa por parte das institucións civís de promocionar certo tipo de actividades agora é moito máis intensa, pero antes dependía exclusivamente das parroquias.

"O que máis me gustou sempre foi estar coa xente da aldea; no rural o sacerdote levaba a iniciativa de moitas cousas"

Ve positivo que as administracións ou asociacións se involucren deste xeito?

Sen dúbida, así o sacerdote tamén se pode adicar de forma prioritaria ao pastoral. O que acontece agora é que nós somos cada vez menos e cada vez máis vellos, entón a nosa capacidade non é a mesma.

Á marxe de poeta, tamén é músico.

Adiquei gran parte da miña vida á música. Tiven unha oportunidade de ter un orfeón iniciado e continuado por min en Mondoñedo. Tamén lle adiquei tempo á música nas Pontes e en Vilalba. Sempre foi un campo no que traballei con moito agarimo.

Máis contento entón no mundo da música que no da poesía?

Adiqueille bastante máis tempo a unha que a outra.

Hai parte de Deus en ambas?

Certamente, a presenza de Deus está sempre en primeiro plano nestes dous campos.

Con tantos obxectivos conseguidos ao longo da súa vida, que novos proxectos lle quedan?

Nesta tardiña baixa da vida o que queda é prepararse para o exame final.

Non terá vostede présa por examinarse...

Non, non, o tempo que o señor nos vai regalando de propina benvido sexa.

Comentarios