Preocupación por unhas árbores que ameazan casas no centro de Samos

Os veciños temen que se produzan danos cos temporais por caída de pólas sobre as vivendas ou na estrada xeral
As árbores en situación de risco atópanse enriba de dúas casas, unha delas habitada
photo_camera As árbores en situación de risco atópanse enriba de dúas casas, unha delas habitada

A existencia dunhas árbores que ameazan casas en pleno centro da vila de Samos, a só uns metros do mosteiro, é motivo de preocupación entre os veciños, que temen que os temporais do inverno poidan ocasionar unha caída de pólas co conseguinte risco para as vivendas e a integridade física dos seus habitantes.

A situación é especialmente desacougante para os residentes nun inmoble de dúas plantas sito na principal rúa da vila. Nos días de forte vento cústalles conciliar o sono, xa que toda a parte superior da finca está poboada de árbores con perigo de derrubamento.

En caso de producirse unha caída podería afectar tamén á estrada principal de Samos a Sarria e Triacastela, de xeito que suporía un risco para vehículos e peóns.

O estado no que se atopan estas árbores, que son de propiedade privada, motivou tempo atrás a elaboración dun informe por parte dun perito coa fin de presentalo ante a Xunta de Galicia para que tomase cartas no asunto dada a proximidade ás vivendas.

Dende o Concello de Samos tamén se dirixiron á Administración autonómica que, ao parecer, emitiu unha resolución que obriga aos donos das árbores a mantelas en óptimas condicións de limpeza.

Segundo apuntan os veciños, os propietarios teñen que podar cada ano estes exemplares, pero xa van tres exercicios nos que no se aplica esta medida. Nunha ocasión, optaron por atar cuns cordóns as árbores máis perigosas, mais acabaron por soltarse.

Comentarios