Preocupación polo Miño

A CRECIDA do río como consecuencia das fortes choivas acumuladas nas últimas semanas ten posto ao descuberto algúns dos problemas do Miño. As bolsas de plástico que por descoido ou por despreocupación teñen ido parar ao río e que a crecida estendeu agora nas súas beiras. Os restos e residuos de todo tipo que se acumularon no súa canle e que agora nos devolve o río.

A estes problemas do inverno engádense os do verán, coa proliferación e acumulación de algas, que é un síntoma da contaminación que se ten ido desenvolvendo e aínda permanece sen controlar, que afecta á calidade das súas augas e á fauna.

A estes problemas que reflicten os efectos dunha deficiente xestión do río engadiuse nos últimos anos unha nova enfermidade que está afectando aos ameneiros, que son xunto cós salgueiros parte fundamental das súas ribeiras. Primeiro foron secándose e agora van sendo derribados polo seu propio peso e polo empuxe do vento e do auga. Van caendo ao río e a crecida arrastrou algúns ata formar barreiras, que poden provocar un efecto de embalse e agravar o problema da crecida das augas.

Esta enfermidade ten un efecto similar á que no seu momento tivo a tinta do castiñeiro hai xa máis de sesenta anos. Foi detectada por primeira vez en Gran Bretaña a comezos dos anos noventa e despois foi estendéndose a varios Países europeos, atacando cunha maior severidade algunhas zonas de Alemania e Francia. O seu efecto é importante polo papel dos ameneiros na consolidación e defensa da ribeira dos ríos. Ao non ser posible un control directo da enfermidade, tense utilizado como medida paliativas o corte elevado por enriba do solo para promover o seu rebrote, aínda que só foi parcialmente efectivo, e tamén a plantación con especies alternativas como os salgueiros.

O río non é só un tesouro como fonte de vida; tamén o é para o lecer en cidades como Lugo, que conta cunhas fermosas ribeiras no Miño e nos seus afluentes como o Mera ou o Rato. Nos últimos anos realizáronse investimentos importantes no seu acondicionamento para o paseo e o goce do deporte. Por iso preocupa o descoido nas labores do seu mantemento, que provoca danos que poderíanse ter evitado nos camiños e carreiros. E tamén preocupa a resignación que parece existir con respecto á enfermidade dos ameneiros, que pode provocar un deterioro das ribeiras, e que noutros casos tense intentado reducir por medidas paliativas como as indicadas para promover a súa rexeneración e mediante a plantación de salgueiros.

O río non é só un tesouro como fonte de vida; tamén o é para o lecer en cidades como Lugo, que conta cunhas fermosas ribeiras

Comentarios