Preguntas

SABEMOS que hai algún tempo comezaron a convocarse por parte de determinados persoeiros, políticos case sempre, unhas chamadas Rodas —ou Conferencias— de Prensa ‘sen preguntas’ e, ao parecer, a expresión foi callando e o modelo afianzando por máis que non creo que fose demasiado arriscado pensar que podería caer en algo semellante ao que chaman contraditio in termini, sobre todo se nos atemos ás definicións que ao respecto aparecen nos dicionarios e mais ao que por roda de prensa viñemos entendendo desde sempre as xentes do común. Unha persoa, relevante —polo menos para o organismo, grupo político, club deportivo, entidade financeira, corporación artística, agrupamento cívico, patronal, relixioso ou sindical que realiza a convocatoria— aparece por unha porta lateral da sala para se ir colocar por tras dunha mesa, case sempre ateigada de micrófonos, e alí, despois de colocar coidadosamente os papeis nos que alguén —tamén, ás veces, el mesmo— escribiu o que ten que dicir, en que orde e mesmo o ton de voz no que cómpre facelo, deixará pasar uns segundos de silencio nos que dedica aos presentes o mellor —ou un dos mellores— dos seus sorrisos, saúda cortesmente, recórdalle aos asistentes o que hai unha miga lles dixera a súa xefa de prensa referido á non admisión de preguntas, botará o discurso que trae escrito, despedirase atentamente e volverá marchar por onde entrara mentres os profesionais da información asistentes, gardan ordenadores, cadernos, gravadoras bolígrafos e demais aparellos propios do oficio comentando cousas cos colegas máis próximos, física ou ideoloxicamente.

Naturalmente que todos eles saben da escaseza profesional que supón o feito de ter que lles ofrecer aos receptores da súa información non aquilo que eles pensan que podería resultar do seu interese senón precisamente aquilo que outros deciden que cómpre facerlles saber, sempre, claro, para comenencia propia, e que así o seu labor xornalístico acaba por se colocar á altura do de calquera vulgar laretas. E houbo —e hai— protestas, advertencias e mesmo algún amago de abandono, pero a sensación que temos moitos lectores, oíntes ou televidentes é a de que, a poder de repetir sempre os mesmos esquemas e coa de complicidade de algúns adeptos ‘infiltrados’, córrese o perigo de que a cousa comece a parecer máis normal cada día que pasa até deixar de nos chamar a atención que cando un —ou unha— xornalista dos que participan nun deses programas de televisión ou de radio nos que se interroga a alguén importante, pregunta cantas son tres por catro e o interpelado responde dicíndonos a cor do automóbil da señora que vive na casa do lado da dun cuñado da madriña de bautizo do autor do segundo gol no partido de fútbol ao que asistiu este domingo e a cousa queda así, como se o realmente importante fose formular a pregunta para deixar cumprido o traballo todo e sen demandar unha resposta axeitada.

Pois na escola suspenden a quen iso fai...

Comentarios