Preferentistas activos

ENTRE OS anos 2003 a 2009 Caixa Galicia e Caixanova emitiron uns 1.200 millóns de euros en participacións preferentes e outros 200 millóns en débeda subordinada, que nunha boa parte dos casos foi adquirida por persoas que tiñan pouca experiencia financeira ou cando menos non recibiron unha información axeitada. Deste modo colocaron estes produtos coma se fosen depósitos a prazo fixo que se poderían retirar cando os necesitasen mentres que en realidade eran unha débeda perpetua ou a longo prazo das Caixas. Nos primeiros anos non houbo problemas, pois recibían os intereses e mesmo os que o solicitaban obtiñan o reembolso das participacións adquiridas.

Os problemas comezaron coa crise financeira e o empeoramento da situación das Caixas, que non se solucionou coa súa fusión e continuou agravándose ata quedar o seu capital reducido a cero, ser convertidas en novaGalicia banco, mediante o seu rescates con fondos públicos polo fondo de Regulación Ordenada Bancaria (Frob), que a comezos deste ano foi vendido a Banesco.

Deste modo preto dunhas 70 mil persoas quedaron atrapadas nestes produtos, ao non poder recuperar o seu diñeiro e ter o risco engadido de poder perder ademais gran parte do seu valor.

A recuperación do diñeiro investido polos afectados intentouse por varios modos. Parte dos casos foron solucionados por medio da arbitraxe e por demandas xudiciais, pero estas vías terían sido insuficientes e mesmo non terían conseguido os resultados obtidos senón se tiveran constituído as plataformas de afectados polas preferentes.

O traballo realizado por estas plataformas foi básico para denunciar a situación existente e para manter vivo este asunto ata lograr unha solución para a maioría de afectados. Posiblemente a vía da arbitraxe tería sido moito máis limitada sen a existencia e actividades das plataformas, pois se terían aceptado menos casos por esta vía voluntaria. O seu papel tamén foi importante ao rexeitar as propostas de quita ou descontos realizadas no seu momento polo Frob, que de media eran dun 40%. Ao final conseguiron ademais acordos máis favorables, con descontos máis reducidos, cos novos propietarios do banco.

Nestas últimas semanas varias destas plataformas estanse a disolver e transformar en asociacións de vítimas das preferentes, dende as que van tratar de sumarse ás querelas presentadas contra os dirixentes das antigas Caixas. Parece unha acción necesaria para pedir responsabilidades polos posibles abusos ou irregularidades cometidas na emisión das preferentes por parte dos que coñecían a delicada situación das dúas Caixas de Aforro.

Comentarios