Preferencia galega

Parafraseando o comezo do discurso de Luther King, pouco antes de morrer asasinado polas forzas da reacción cavernícola, «tiven un soño» (‘I have a dream’); eu soñei que, fose onde for, na Galiza, atopaba xentes orgullosas de seren galegas, e polo tanto cun elevado nível de autoestima coma persoas. Atopei que a maioría de produtos que se ofrecían para o consumo corrente eran galegos: bens alimenticios, viño, cervexa, licores, roupa, calzado, tabaco, materiais de construción, libros, música, barcos, materiais de reparación de automóbeis e pequena maquinaria, mobles... e un etcétera tan longo como se queira especificar a composición do consumo corrente. Mesmo os meios de comunicación oficiais daban unha boa imaxe do país. Dado que a nosa economía era dinámica -grazas a unha boa marcha do consumo e da produción interior- había tamén unha moi ampla disponibilidade de bens de importación de calidade diversa, tanto bens de consumo duradoiro: autos, maquinaria producida en economías de alta industrialización, combustíbeis, coma bens de consumo perecedoiro procedentes doutros mercados: roupa e accesorios estranxeiros, alimentos doutros países, bebidas e tabaco, filmes de procedencia exterior, libros... toda a ringleira que se nos ocorra.

Certo é que, como nos convertéramos de súpeto en consumidores intelixentes, preferíamos as laranxas de Valencia e /ou de Valença do Minho ás do continente americano -por razóns de sustentabilidade-; preferíamos tamén toallas catalás ou portuguesas que chinesas, así mesmo camisolas portuguesas que turcas por razóns tamén de proximidade (as outras razóns quedan para outro día); escollíamos café africano ou brasileiro, colombiano ou cubano que asiático, pola mesma razón de intercambiar cos especializados e non cos oportunistas ou de produción masiva de calidade dubidosa.

Mais os soños, soños son, e o vivir, ás veces, é un mal soño ou un pesadelo. Cada vez que se pecha unha industria ou unha explotación agrogandeira galega, compramos un billete para enviar ao paro/emigración 10 mozos, e como os peches son continuos envíámolos á emigración porque ao mesmo tempo que se pechan as industrias desapareceron -leváronnolas- as fontes de financiamento propias, imprescindíbeis para promover o chamado emprendemento. Quen hoxe con 23 anos e sen capital herdado pode iniciar un negocio? Mesmo tendo un bon proxecto. É tal a cantidade de incertezas, riscos e falta de apoio que só os herois saen adiante e esa non é condición habitual nos mortais do común. O camiño único á vista é a emigración para un subemprego, e para producir a prol do país de acollida. Ao mesmo tempo o noso vaise despoboando da xente nova en idade de teren fillos, fillos que non van ser de Galiza ou que van ser de ningures. E temos que escoitar a certos gobernantes preocupados pola demografía do país. A preocupación material non debería ser a evolución demográfica senón a falta de vida para ser vivida pola xente do país. A situación demográfica é unha consecuencia directa da económica e esta vai sendo dirixida cara ao cavorco. En caída libre as expectativas de traer fillos para acompañar o desastre son moi escasas. Tamén pensamos que sensatas.

Comentarios