Predicciones

Tres días antes das eleccións de novembro, tomando cervexas nunha terraza de Madrid, un coñecido escritor español non se resistiu a falar de política. ''Eu son de esquerdas, pero creo que Rajoy vai ter algo bo: non ha baixar a cabeza diante de Angela Merkel. Por aquilo do orgullo patrio'', dixo. ''O PP gaña por goleada'', engadiu máis tarde. A segunda predición cravouna, cousa que a aquela altura non tiña gran mérito. A primeira fai que me lembre del cada vez que Rajoy volve dunha reunión europea.

É evidente que ser un escritor do talento e o éxito de Ray Loriga non significa estar facultado para as predicións políticas. En xeral, diría que ninguén debe facer predicións políticas, por moi facultado que se considere. Os analistas máis interesantes distínguense pola calidade das súas fontes e a capacidade para sopesar os datos e tecer a crónica vibrante do partido. Pero deberían imitar os xornalistas deportivos, cuxo labor nunca é adiantar o resultado final do marcador, senón, estritamente, retransmitir as xogadas.

En política, para complicar as cousas, temos as que se producen á luz e as executadas entre bambalinas, que polo xeral acaban sendo as definitivas. Con todo, esta actividade da res publica frivolizouse tanto que o xornalismo que a documenta deviu en xénero híbrido, entre a crítica teatral e a prensa rosa. Só nos faltaba meter o horóscopo neste cóctel.

Comentarios